A sesión comezará ás 19.30h. e será semipresencial
Para as 19.30h. deste serán está convocada unha sesión extraordinaria do pleno municipal que tratará como único punto da orde do día a aprobación da Conta Xeral do Concello de 2019, así como un subexpediente de depuración de saldos contables. O documento foi ditaminado favorablemente na comisión informativa permanente de Facenda e Especial de contas do pasado 24 de agosto e, posteriormente, publicada no Boletín Oficial da Provincia para a súa exposición pública. Nese período expositivo o PP achegou varias alegacións, de maneira que hoxe o máximo órgano municipal deberá debater se se aceptan ou non, tomando como base o informe técnico elaborado ao respecto pola Secretaría Intervención Municipal.
A conta xeral reflicte en grande parte os parámetros económicos que xa lle foron trasladados ao pleno o pasado 30 de xullo na toma de razón da liquidación do orzamento. O informe da Intervención sinalaba daquela un remanente de tesouraría para gastos xerais axustado que ascende a 1.657.324,37 euros. Tamén indicaba que a 31 de decembro o Concello dispuña de 1.451.419€ de fondos líquidos e que a previsión de gastos descrita inicialmente no orzamento se executou en case un 80%. O informe da liquidación confirmaba, ademais, o cumprimento dos parámetros de estabilidade orzamentaria, de regra de gasto e de límite de débeda.
A conta xeral abrangue máis aspectos que os reflectidos na liquidación, como é o balance da situación patrimonial -bens e dereitos da entidade local, financiamento e patrimonio neto-; os gastos, ingresos e beneficios ou perdas durante o exercicio e, nun último apartado, como se executou o orzamento, é dicir, información sobre canto e en que se investiron os fondos públicos e os recursos obtidos ao longo do ano.
Toda esta documentación foi sometida á avaliación da comisión de Facenda e Especial de contas en agosto, como trámite previo á súa exposición durante un período de 15 días. Só o PP presentou alegacións ao documento antes do remate do prazo de exposición pública. Neste sentido, desde a alcaldía encargóuselle un informe técnico á Secretaría Intervención sobre se procede ou non que o pleno estime esas observacións. O contido do informe exporase na sesión desta tarde, como parte do debate que precederá a votación do asunto.
Debido á actual situación sanitaria, o pleno volverá ser telemático. Así o acordaron os tres grupos políticos con representación municipal. Na sala de sesións só estarán presentes o secretario, o alcalde e unha persoa por cada grupo exercendo a portavocía. O resto de compoñentes da corporación asistirán ao pleno desde a casa ou ben desde outras dependencias municipais. O pleno, que arrancará ás 19.30h., emitirase a través de Facebook.