Friday 22 de November de 2024

A concellaría de Turismo de Padrón está recompilando información sobre lendas e costumes


Co obxectivo de manter viva a cultura e a tradición de padroneses e padronesas, o equipo deste departamento pide que se lles envíe información

A concellaría de Turismo do Concello de Padrón desenvolve un proxecto para recompilar contos, lendas, ritos, costumes, usos sociais, actos festivos, coñecementos ancestrais ou técnicas de artesanía.
Dende este departamento queren compoñer un banco de historias, no que se recolla toda a tradición oral que vive na memoria da cidadanía desta vila. O obxectivo é que todo ese patrimonio cultural inmaterial e vivo non se perda e que poida trasladarse ás futuras xeracións imprimindo un sentimento de identidade e de continuidade social.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explica que “a iniciativa pretende reunir toda a información para xerar documentos da tradición padronesa, que poidan ilustrar nun futuro a nosas costumes”.
O equipo desta concellaría fai un chamamento a toda a poboación, para que compartan todas as lendas, historias populares ou tradicións que coñezan. “É a única forma de manter vivas estas historias”, incidiu a concelleira de Turismo.
Todas as narracións que a veciñanza de Padrón envíen ao enderezo electrónico de turismo@padron.gal serán publicadas na páxina web de Turismo Padrón – https://www.padronturismo.gal/desfruta/lendas-ritos-e-historias/-.
Na actualidade, a páxina recolle as lendas da fonte da Escravitude, a lenda da fonte do Santiaguiño, e a lenda da bendición do franciscano ao peregrino.