Friday 22 de November de 2024

A Xunta e as Universidades da Coruña e Vigo renovan a colaboración para a realización de prácticas en prevención de riscos laborais


Os estudantes do mestrado universitario en Prevención de riscos laborais e riscos comúns poderán realizar prácticas académicas nos centros do Issga da Coruña, Pontevedra e Ourense

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), e as universidades da Coruña e de Vigo desenvolverán unha nova edición do programa que posibilita que os estudantes do mestrado universitario en Prevención de riscos laborais e riscos comúns podan realizar prácticas académicas nos centros do Issga da Coruña, Redondela (Pontevedra) e Ourense.
As prácticas levaranse a cabo entre febreiro e xuño do próximo ano nas especialidades de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, e medicina do traballo.
O Issga ten entre as súas funcións a de efectuar plans e cursos de formación e accións informativas en relación á seguridade e saúde laboral; colaborar e cooperar en materia de prevención de riscos laborais con outras administracións públicas, entidades públicas e privadas e corporacións locais, e especificamente a colaboración coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.
Este programa desenvólvese a través de convenios de colaboración entre a Xunta e as universidades nos que se establecen os contidos e características das prácticas. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia nomeará un titor ou titora que se encargará do seguimento das prácticas, supervisará a súa realización e emitirá un informe final sobre o seu contido e avaliación. No caso de que a avaliación da memoria e o informe de actuación do estudante sexan favorables, o Issga emitirá unha certificación na que deben constar o tempo de colaboración e as actividades, traballos, e investigacións realizados.
A selección do alumnado será competencia da universidade, así como a organización do apoio teórico e práctico para o desenvolvemento das prácticas. A avaliación das prácticas realizaraa a universidade a través dos seus titores ou titoras, tendo en conta a memoria elaborada polo estudante e o informe de prácticas do titor ou titora do Issga.

Deste xeito, tanto o Issga como as universidades designarán titores ou titoras que se encargarán do seguimento das prácticas, supervisarán a súa realización e emitirán un informe final sobre o seu contido e avaliación.