A alcaldesa de Lousame lembra que “despois de ano e medio sen ponte de acceso ao seu núcleo, os veciños e veciñas non aguantan máis esta situación”
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra a aprobación hoxe polo Pleno da Deputación da Coruña do proxecto de remate da ponte de Berrimes ao tempo que pide a máxima celeridade na súa licitación e execución. Villaverde Pais sinala que “despois de ano e medio coa ponte derrubada, unha ponte de acceso ao un núcleo de poboación como Berrimes e que os comunica co resto da parroquia, hoxe comezamos a ver a luz”.
Neste sentido, a alcaldesa pídelle á Deputación “que a licitación sexa o máis áxil posible xa que os veciños e veciñas non aguantan máis esta situación. Levan máis de ano e medio sen unha ponte de acceso ás súas vivendas e que, a pesar de formar parte dunha vía provincial, permanece derruída. É necesario que se axilice ao máximo a licitación e o inicio das obras”.
As obras de ampliación da ponte de Berrimes, na DP-4202 Aldeagrande-O Couto, deron comezo o 29 de abril de 2019. Un par de meses despois, as obras paralizáronse pola quebra da anterior empresa adxudicataria, Nexia Infraestruturas SLU, xusto despois de derrubar a ponte sobre o río Pesqueira, polo que o acceso principal á localidade de Berrimes leva pechado dende entón. Os veciños e veciñas teñen que acceder ás súas vivendas a través doutros dous accesos viarios alternativos que supoñen unha distancia adicional de máis de 2 quilómetros.
Proxecto aprobado
Se o proxecto inicial era de 173.402,08 euros, o proxecto aprobado hoxe polo Pleno da Deputación da Coruña ascende a 181.811,87 euros. Os traballos permitirán ampliar a plataforma da ponte sobre o rego Pesqueira de 5 a 12 metros, así como ofrecer un itinerario peonil seguro para os veciños.
As reducidas dimensións da ponte que atravesaba o rego Pesqueira obrigaban aos viandantes a circular polas beiravías sen pavimentar ou polo borde da calzada, o cal pon en risco a súa seguridade; ou empregar a antiga ponte peonil. Para remedialo, a nova ponte contará con beirarrúas de 2,25 metros de ancho en cada marxe, recubertas con baldosa hidráulica, permitindo así cruzar a pé con total seguridade.
Así mesmo, a nova plataforma permitirá a execución de dous carrís de 3,5 metros para a circulación de vehículos. As obras financiadas pola Deputación incluirán o acondicionamento da estrada DP 4202, para ampliar gradualmente o ancho da calzada ata alcanzar os 12 metros nas inmediacións da nova ponte.
A nova ponte será unha estrutura dun único vano, respectando a tipoloxía do viaduto actual.
Os taboleiros estarán formados por dúas vigas en dobre T sobre as que se disporá unha lousa de formigón armado de 25 centímetros de espesor. Así mesmo, formaranse cunetas para evitar a acumulación de auga nos laterais da calzada, e dotarase á ponte dunha sección hidráulica suficiente para facer fronte a grandes cantidades de auga
Por último, reforzarase a capa de firme tanto nas inmediacións coma na propia ponte, mediante un fresado de profundidade que permita a incorporación dunha capa de base e outra de rodaxe.
O Concello de Lousame xa actuara previamente nesta zona, se ben a ponte non se acometera daquela porque precisaba dun financiamento e duns permisos especiais, polo que se solicitou á Deputación que o acometera con posterioridade.