Despois da declaración do novo estado de alarma, o Goberno municipal reforzou as medidas preventivas para aumentar a seguridade da cidadanía e do persoal municipal
As/os traballadoras/es municipais cumprirán o 50% da súa xornada mensual na modalidade de teletraballo. A Concellería de Economía, Facenda e Réxime Interior decidiu incrementar esa porcentaxe despois da declaración do novo estado de alarma, co fin de garantir tanto a seguridade da cidadanía e das/os emgregados municipais como a continuidade dos servizos.
A medida, consensuada cos sindicatos, permitirá reorganizar o persoal das distintas áreas en quendas. A metade do persoal de cada servizo traballará de modo presencial durante unha semana ou unha quincena e a outra metade manterá a súa actividade mediante o teletraballo. Trocaranse os grupos unha vez transcorrido ese tempo.
“Esta medida busca evitar o peche de ningún departamento municipal por un posible caso positivo, xa que os dous grupos traballarían de xeito illado e reduciríase así o risco potencial de transmisión do virus”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas.
En paralelo á reorganización laboral, o Goberno municipal reforzou tamén as medidas de prevención que xa estaban en vigor. Ademais do uso obrigatorio de máscaras e de pantallas de separación, mellorarase a ventilación dos espazos de traballo e instalaranse sistemas forzados de renovación do aire cando estes non se poidan ventilar, o que evitará o funcionamento de dispositivos que contribúan á recirculación do aire en lugares pechados.
Potenciarase o sistema de cita previa para maximizar a seguridade das cidadás e dos cidadáns e mais do persoal municipal nas dependencias de atención ao público e evitaranse as reunións presenciais, que deberán substituírse, na medida do posible, por videoconferencias. “O Goberno de Inés Rey está a poñer todos os medios ao seu alcance para afrontar as consecuencias da pandemia”, indicou Lage Tuñas, quen tamén fai un chamamento á cidadanía para que se extremen, tamén no ámbito privado, as medidas de protección e prevención co fin de frear canto antes o aumento do número de contaxios e de lle pór fin á segunda vaga.