Friday 22 de November de 2024

O PSOE de Ordes pide unha bonificación do 75% do ICIO nas obras para eliminar barreiras arquitectónicas ou adaptar a vivenda á dependentes ou persoas con minusvalía


Xesús Pedreira considera que “é necesario implantar medidas que incentiven a eliminación de barreiras arquitectónicas tanto nas vivendas coma no comercio e na industria”

O PSOE de Ordes solicita unha bonificación do 75% do Imposto sobre as Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para aquelas obras que se acometan para eliminar barreiras arquitectónicas ou para adaptar vivendas particulares a persoas en situación de dependencia ou con calquera tipo de minusvalía. Unha proposta que os socialistas ordenses presentarán para o seu debate na sesión plenaria do próximo xoves 29 de xaneiro.

O voceiro municipal socialista, Xesús Pedreira, considera que “é necesario implantar medidas que incentiven a eliminación de barreiras arquitectónicas tanto nas vivendas como nos comercios e nas industrias, tanto nas obras de nova construción como na rehabilitación das actuais. E sempre baixo uns criterios de calidade, utilidade pública, sostenibilidade e respecto ao patrimonio cultural e natural de Ordes”. Neste sentido, Pedreira entende que “o ICIO é o instrumento perfecto para que o Concello de Ordes poida lograr un incremento na eliminación de barreiras arquitectónicas no noso municipio”.

Bonificacións

Por iso, os socialistas solicitarán incluír un anexo no artigo 5 da Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras. Este anexo, denominado “Bonificacións en favor da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas”, inclúe dous apartados:

– bonificación do 75% nas instalacións e obras destinadas á eliminación de barreiras arquitectónicas ou adaptación de vivendas ás necesidades derivadas da situación de minusvalía ou dependencia das persoas que habitan nelas
– bonificación do 75% nas construcións, instalacións ou obras que obedezan á instalación de elementos comúns en vivendas plurifamiliares que favorezan a accesibilidade e a habitabilidade a discapacitados e persoas maiores, sempre que non deriven de obrigas impostas pola normativa urbanística ou de calquera outra natureza.

Ambas bonificacións non serían acumulables, polo que no caso de coincidir se aplicaría a de maior porcentaxe de bonificación.

Xesús Pedreira considera que “incentivando a redución das barreiras arquitectónicas cumpririamos coa nosa obriga como administración pública, que é a de favorecer e garantir o acceso de toda a cidadanía á vida social e comunitaria, ao tempo que conseguiríamos incrementar a actividade nun sector que, en época de bonanza económica, ten xogado un importante papel na economía local”.