A alcaldesa mostrouse satisfeita polo compromiso inversor do Estado coa Coruña, aínda que agarda que se poida mellorar de aquí á aprobación definitiva dos Orzamentos Xerais
A alcaldesa, Inés Rey, declarou este mediodía que o Goberno local está razoablemente satisfeito con este borrador de Orzamentos Xerais do Estado que se avanzou onte desde Madrid ao se confirmar partidas
importantes para a cidade como son a dragaxe da ría do Burgo e a estación Intermodal, “dúas demandas históricas que por fin teñen a súa traslación real ás partidas centrais”. Rey apuntou que isto non quere dicir que haxa partes que non poidan ser mellorables, “é un primeiro borrador e agardamos que durante a tramitación dos orzamentos ata a súa aprobación se poidan introducir melloras que completen aínda máis o compromiso inversor do Estado coa Coruña”. Rey explicou que “logo dos tres millóns de euros que o PP destinou en todo o seu mandato ao plan de recuperación da ría, a partida inicial deste goberno contempla 20 millóns para a súa rexeneración e 18,6 millóns para a Intermodal, unha cifra que nada ten
que ver cos 1,2 millóns de euros dirixidos polos populares a esta infraestrutura en 2015 e 2016, e moito menos coa nula previsión de 2017 e 2018”.
A rexedora recordou o compromiso social do Goberno central cun investimento de 494 millóns de euros en políticas e en axudas ás persoas autonómas e aos ERTES xunto aos máis de 2.057 millóns de euros para créditos ICO co fin de que as Pemes e as/os autónomas/os manteñan o tecido produtivo e económico do país. Rey engadiu que “despois de oito anos en que o goberno do PP obviou as necesidades da cidade, vemos agora o resultado neste borrador que esperamos que sexa mellorado”.