Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene exponlle á Deputación diversas necesidades para o territorio


A deputada de Igualdade e Normalización, María Muíño, reuniuse esta mañá co equipo de goberno municipal para intercambiar impresións sobre o estado do Concello e estudar a posibilidade de aplicar novas accións que axuden a paliar os efectos da pandemia. No encontro falouse sobre todo das necesidades relacionadas coa conciliación e co ensino, pero tamén de obras. Muíño interesouse pola marcha dos proxectos financiados con cargo ao Plan Único de Concellos e recolleu, entre outras peticións, a da mellora da seguridade viaria nas estradas de titulariedade provincial.

Na xuntanza desta mañá destacouse a necesidade de destinar máis recursos a programas de conciliación debido aos efectos da pandemia e tamén se lle trasladou á deputada de Igualdade e Normalización lingüística información sobre o esforzo económico que está asumindo o Concello na mellora e mantemento de equipamentos educativos, malia tratarse -tal e como se puntualizou no encontro- dunha competencia autonómica. De feito, xusto antes do comezo do curso investíronse máis de 21.000 euros en reparacións nos colexios e hai tan só uns días aprobouse unha modificación do orzamento para destinar 38.000 á ampliación do comedor en Centieiras. Ademais, o Concello reserva unha partida de 3.600 euros para colaborar coas ANPAS que xestionan tanto este comedor como o dos Casais.

En relación coas fendas provocadas pola pandemia, a reunión tamén serviu para poñer en común a necesidade de garantirlle o acceso a internet e un ordenador á rapazada en idade escolar con menos recursos, coa finalidade de que, ante eventuais illamentos ou novos períodos de confinamento, poidan seguir as clases a distancia nas mesmas condicións que o resto do alumnado que conta con ese equipamento. Segundo se expuxo no encontro, esta tamén é unha necesidade que a Xunta non estaría cubrindo malia tratarse dunha cuestión da súa competencia e que, en cambio, son os municipios quen se ven na obriga de buscar as solucións inmediatas que precisan as familias máis desfavorecidas. Neste sentido comentouse coa responsable provincial a posibilidade de que a Deputación saque liñas específicas con esa finalidade e, en calquera caso,

Noutra orde de cousas, o equipo de goberno tamén aproveitou a xuntanza para solicitar da Deputación a construción urxente de beirarrúas e sendas peonís que garantan a seguridade viaria, ademais de contribuír á vertebración do territorio. En concreto puxéronse en riba da mesa melloras na DP-3501 que une Maniños con Limodre e na estrada que vai desde o instituto até o cemiterio de Barallobre.

Xuntanza coa ANPA do CEIP O Ramo
Tralo encontro co goberno local, María Muíño reuniuse coa ANPA do CEIP O Ramo e destacou o interese da Deputación de colaborar tamén coas entidades que traballan pola igualdade, en programas contra a violencia machista ou pola conciliación que se fixo máis necesaria aínda durante o confinamento e coas actuais medidas sanitarias. O alcance destes proxectos e o recoñecemento do labor que desenvolven as distintas asociacións foi obxecto da xuntanza coa ANPA do CEIP O Ramo, quen ten en marcha un programa de conciliación apoiado pola Deputación a través da liña de axudas en concorrencia competitiva.