Máis de 25.000 persoas usuarias descargaron xa bonos do Plan de reactivación, que se poderán empregar até o 31 de decembro
Desde o vindeiro luns, 2 de novembro, os bonos do Plan de reactivación económica e social da Coruña (PRESCO) permitiranlle á veciñanza acadar descontos maiores. O Goberno municipal modificou o programa en vigor para ampliar a porcentaxe que se vai descontar en cada compra e para prolongar até fin de ano (a súa finalización estaba prevista o 31 de novembro) o plan de bonos.
“Ante a evolución da situación como consecuencia da pandemia, consideramos necesario reforzarmos os nosos programas de axudas para chegarmos a quen peor o está a pasar”, indicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas. “O Goberno que preside Inés Rey está actuando nesta segunda vaga da pandemia para axudar a manter o tecido económico da cidade”, manifestou Lage Tuñas.
Así, os bonos de Cultura, que até o momento cubrían o 40% do custo nos establecementos adheridos, chegarán agora até o 50%, cun máximo de 60 euros. Os bonos de hostalaría ofertarán un desconto de 5 euros por cada 10 de compra, e os do comercio de 15 euros por cada 30.
Ademais, indicou Lage Tuñas, tamén se duplican os límites máximos de axudas que se van percibir por cada negocio, de xeito que os establecementos que xa chegaron a ese límite poidan seguir ofrecendo descontos. Así, a hostelaría e o comercio pasan a ter un máximo de 6.000 euros por cada negocio e a cultura, de 10.000 euros.
O edil informou hoxe, na Comisión de Economía, da evolución do PRESCO desde que se botou a andar este verán.
No plan de bonos constan 742 establecementos adheridos, con 25.745 particulares que xa teñen descargados os bonos para os poder cambiar nos tres sectores.
O PRESCO, dotado con 13,2 millóns de euros, destina 6.235.000 euros a axudas directas a persoas autónomas e micropemes afectadas pola crise. O 15 de setembro finalizou o prazo para presentar as solicitudes e recolléronse 3.827. O concello está a lles aboar xa os pagos ás e aos beneficiarios tras revisar un milleiro de expedientes. A contía media que se poderá ingresar por cada solicitude será de 2.000 euros.
O plan de reactivación destinou tamén 2,4 millóns de euros a axudas sociais e case un millón máis para dinamizar o tecido cultural. Incluíu tamén nesta última partida a contratación de 135 artistas locais para distintas actuacións e a convocatoria das bolsas de creación artística, con 72 proxectos presentados.
“Fomos a primeira Administración en poñermos en marcha un plan de reactivación, e fomos tamén a que máis fondos destinou a afrontar os efectos da pandemia. Malia todo, a nosa alcaldesa, Inés Rey, entende que é preciso seguirmos habilitando medidas na liña aberta co PRESCO para axudar nunha situación que volve a ser moi delicada”, indicou Lage Tuñas. Nesa nova liña de actuación, enmárcase a reforma do programa de bonos que entrará en vigor o vindeiro luns, con descontos máis grandes e que pretende axudarlle ao comercio, á hostalaría e á cultura tamén na campaña de Nadal.