A empresa investirá 20.000 euros na posta en marcha de dúas convocatorias incluídas no programa “Deporte Solidario e Inclusivo”, impulsado pola Fundación Emalcsa, e comprométese a seguir apoiando a iniciativa en 2021/2022
A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente e conselleiro delegado de Gadisa, Roberto Tojeiro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que a empresa doará 20.000 euros co fin de impulsar a inclusión social a través do deporte. Deste xeito, Gadisa súmase a dúas edicións máis do programa “Deporte Solidario e Inclusivo”, que impulsa a Fundación Emalcsa e que procura a igualdade e a inclusión social a través da práctica deportiva.
Nun acto en que tamén participou o director da Fundación Emalcsa, Manuel Aguilar, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, a alcaldesa destacou que este programa “busca fomentar o deporte base como instrumento de intervención social para integrar colectivos en risco ou en situación de exclusión social así como difundir os valores asociados ao deporte”. Rey agradeceulles a Gadisa e ao resto de empresas que participan neste programa, así como a todas as entidades deportivas e sociais, a súa implicación na construción dunha Coruña máis inclusiva e solidaria.
Este convenio ratifica a colaboración de Gadisa para os exercicios 2020/2021 e 2021/2022, e inclúe un compromiso por parte da empresa coruñesa para seguir apoiando o programa en 2022 por un importe similar ao fixado para o exercicio 2021/ 2022, que supera os 10.000 euros.
A compañía galega apoia preto de 500 actividades no Concello da Coruña e nos municipios que conforman a área metropolitana, enmarcadas en varias liñas de actuación: fomento do deporte, hábitos de vida saudables, acción solidaria, educación, cultura… No caso do deporte son máis de 2.300 colaboracións ao ano as que Gadisa engloba no seu programa de responsabilidade social, en que o 39% son proxectos relacionados coa práctica dalgunha especialidade. Neste punto, a súa cooperación en “Deporte solidario e inclusivo” é para a empresa “moi positiva polos resultados obtidos en edicións anteriores”.
PROGRAMA
Pola súa parte, a Fundación Emalcsa conta coa achega económica de diferentes empresas privadas co fin de materializar proxectos centrados no uso do deporte como instrumento de intervención e transformación social en diversos ámbitos.
Neles, trabállanse diferentes aspectos como o fomento do deporte feminino, a atención aos colectivos con diversidade funcional ou a participación e a integración de menores que están en situación de vulnerabilidade social. Así mesmo, asisten a colectivos que se atopan en risco de exclusión social ou económica e edúcase en valores promovendo todos aqueles que se potencian a través da práctica deportiva e concienciando sobre as diversas realidades da nosa contorna.
Desde o ano 2013 ata o momento realizáronse sete convocatorias dotadas con 250.000 euros cada unha. Desde a súa primeira edición, a iniciativa promoveu a actividade deportivo-social de 222 entidades, que desenvolveron un total 180 proxectos, dos que se beneficiaron 110.240 persoas. Na quinta convocatoria 2019/20, que se estenderá ata o 30 de novembro, concedéronse axudas a 26 proxectos aos que asistirán máis de 14.300 usuarias/os. Nesta cifra inclúense tamén as máis de 600 prazas reservadas para gozar de forma gratuíta de diversas actividades deportivas, destinadas principalmente a nenas e nenos derivados do persoal vinculado aos Servizos Sociais Municipais, e para o que contan coa colaboración de 24 entidades sociais especializadas na atención e integración social.
Doutra banda, a pesar da pandemia causada pola COVID-19, a Fundación Emalcsa realizou a sétima convocatoria, 2020/2021, co mesmo orzamento das anteriores e cunhas bases flexibles para permitir que as entidades deportivas e sociais sigan desenvolvendo proxectos de deporte inclusivo e solidario. Presentáronse 30 proxectos que xa teñen en consideración os escenarios restritivos dos próximos meses. Nestes momentos, están valorando as ofertas coa previsión de resolveren a convocatoria e asinaren os convenios na segunda quincena de novembro.