Friday 22 de November de 2024

O Concello de Padrón adxudica a iluminación da zona de Cruces


O executivo local tamén encargou o servizo de limpeza e acondicionamento do convento

O Concello de Padrón vén de adxudicar a obra do alumado e sinalización dun tramo de 400 metros do Camiño de Santiago na zona de Cruces no Concello de Padrón á empresa Roomelservice S.L. Este
contrato adxudicouse por valor de 14.886,73 euros con IVE, e está financiado a través dun convenio coa Axencia Galega de Turismo.
Estas obras pretenden proporcionar unha iluminación axeitada a cada zona para obter a máxima seguridade, tanto viaria como peonil, e promover o progreso e desenvolvemento da comunidade. O alcalde de Padrón explicou “a relevancia deste tipo de adxudicacións para seguir avanzando e, sobre todo, para mellorar os servizos comunitarios en beneficio da nosa veciñanza”. A pista que se vai iluminar utilizase a miúdo en horario nocturno posto que conecta lugares como o albergue de peregrinos, o lugar de Cruces e na outra beira da estrada N-550 o lugar de Bascuas e a piscina municipal de Escravitude.
As obras que se realizarán terán un baixo impacto enerxético e medioambiental, posto que se apostará por instalar equipos máis eficientes, con tecnoloxía LED, que reduzan o consumo e as emisións de CO2.

Adxudicación da limpeza do Convento do Carme
Por outra abanda, o Concello tamén procedeu a adxudicar a obra de limpeza e acondicionamento do convento do Carme a empresa Iglesias Mera. A adxudicación deste contrato faise por valor de 21.175 euros, e o prazo de execución fixase ata o 6 de novembro de 2020. Os traballos inclúen a retirada
de vexetación e limpeza do muro do adro do convento, da fonte do Carme e da ponte do Sar. Para a financiación desta actuación asinouse previamente un convenio de colaboración coa Axencia de Turismo.