“A situación epidemiolóxica e as medidas restritivas para conter a expansión do virus están a afectar a estes sectores, que necesitan que esteamos ao seu carón e non os deixemos caer”, explicou Sandra Insua.
O Concello de Camariñas quixo sumarse ás campañas que se están promovendo a nivel nacional para apoiar á hostalaría e fomentar as compras no comercio local, sectores que están a verse moi afectados pola situación epidemiolóxica actual e que aínda sofren máis as consecuencias do novo Estado de Alarma decretado.
Así, no caso da hostalaría, o Concello comezou hoxe a promover a través das súas canles de difusión a iniciativa para animar aos veciños e veciñas de Camariñas a adiantar as súas ceas ás 20 horas. Un xesto relacionado coa limitación da mobilidade nocturna, que actualmente está fixada de 23 a 6 horas, e que supón grandes perdas para os bares e restaurantes da zona.
Por outra banda, o goberno local quere concienciar á cidadanía da importancia de facer as súas compras no comercio local e para iso está a distribuír carteis incidindo en que os establecementos de Camariñas son seguros, están cumprindo todas as medidas de prevención, e mercar neles significa axudar aos seus veciños e velar polo futuro do pobo.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a situación epidemiolóxica e as medidas restritivas para conter a expansión do virus están a afectar a estes sectores, que necesitan que esteamos ao seu carón e non os deixemos caer, por iso pensamos que este tipo de campañas de concienciación son útiles e necesarias”.