Disporá dun recinto pechado con malla metálica para o depósito de plástico agrícola, dado que é unha zona eminentemente agrícola e gandeira onde se produce gran cantidade deste tipo de residuos
O Concello de Frades celebra que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas saque a licitación a construción do punto limpo que dará servizo aos veciños e veciñas de Frades e de Mesía. Unha obra orzamentada en 264.537,9 euros (IVE non incluído) e que ten un prazo de execución de 4 meses.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosa o seu agradecemento “á Xunta de Galicia e, en concreto, á Consellería de Medio Ambiente por seguir facendo investimentos en Frades” e agarda que “as obras poidan comezar canto antes para que os nosos veciños e veciñas teñan un lugar perfectamente acondicionado no que depositar os residuos”. Así mesmo, destaca que “ademais dos contedores metálicos para a recollida dos distintos tipo de residuos, este punto limpo disporá dun recinto pechado con malla metálica para o depósito de plástico agrícola, dado que se trata dunha zona eminentemente agrícola e gandeira onde se produce gran cantidade de residuo deste tipo”.
Emprazamento
O punto limpo de Frades-Mesía emprazarase no lugar de Abeceira, parroquia de Céltigos (Frades), a menos dun quilómetro da estrada N-634. Á parcela accédese por camiño público e dispón de captación de auga (mediante pozo de barrena) e tratamento de augas residuais (mediante foxa séptica e pozo filtrante). O Concello de Frades realizará a acometida eléctrica á parcela dende a liña aérea que pasa pola zona.
O proxecto de construción do punto limpo destaca a idoneidade deste emprazamento pois está próximo ao límite entre os concellos de Frades e de Mesía, polo que dará servizo aos habitantes de ambos municipios que, polo seu número de habitantes, non xustificarían a construción dun punto limpo independente para cada un.
Instalacións
O punto limpo de Frades-Mesía disporá de dúas plataformas a distinto nivel. A plataforma máis elevada (1,45 metros por riba da outra) será a utilizada polos veciños e veciñas de Frades e Mesía para descargar os distintos tipos de residuos: papel, téxtil, vidro, envases, disolventes, aceites minerais e aceites vexetais, pilas, lámpadas, pequenos electrodomésticos, residuos perigosos, aerosois, radiografías… A plataforma inferior será utilizada polos vehículos de retirada destes residuos. O desnivel entre ambas plataformas salvarase mediante un muro de formigón armado de trazado quebrado para facilitar a disposición dos contedores metálicos e a vertedura dos residuos ao seu interior.
Na plataforma superior construirase un depósito de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEEs), mentres que na plataforma inferior se situarán os contedores metálicos de residuos, o recinto pechado para o depósito de plástico agrícola e dúas pequenas edificacións: unha caseta-oficina e un almacén para residuos especiais de escaso volume e líquidos. Estes dous edificios construiranse próximos entre eles para conseguir un mellor control e un menor desprazamento do lixo dentro do recinto.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que xa se encargou da redacción do proxecto, acometerá agora a súa execución, mentres que os Concellos de Frades e de Mesía asumirá a xestión da instalación unha vez rematada e posta en servizo.