As pistas de atletismo do campo da Alta acollerán no 1 de novembro a vixésimo primeira edición dos Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual impulsados por Special Olympics Galicia, coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, entre outras moitas institucións e entidades. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro; a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo; o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.
A edil destacou o labor de Special Olympics Galicia, Asociación de Pais, Profesionais e Amigos de Persoas con Discapacidade Intelectual cuxos obxectivos se focalizan en "consegui-la promoción de persoas con discapacidade intelectual a través do deporte e do ocio e tamén a consecución dos valores que a práctica deportiva leva consigo."
Pola súa parte, Eladio Fernández fixo fincapé no longo percorrido desta organización sen ánimo de lucro creada en 2000, que atende ao redor de 4000 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia e fundaméntase no voluntariado. Engadiu que entenden o deporte como "un proceso máis de formación no mundo da discapacidade, dentro da promoción da súa autonomía", ademais de que tamén afondan en “darlle calidade de vida e, a través da actividade física e o deporte, mellora-la súa autoestima.” Na súa intervención, o rexedor avogou pola colaboración cos diversos sectores e insistiu en que, para o evento, se implantará un protocolo de seguridade fronte ao coronavirus.
A cita arrancará a partir das 12.00 horas, se ben a inauguración terá lugar ás 10.45 horas. En canto aos niveis de competición, establécense Carreiras Nivel I e II (velocidade, medio fondo e fondo), Carreiras Nivel III (25 metros marcha asistida, 25 metros marcha, 25 metros carreira, 25 metros asistida verbalmente, 25 metros cadeira de rodas, 50 metros marcha, 50 metros carreira, 50 metros marcha asistida, 50 metros cadeira de rodas e 60 metros asistida verbalmente), Concurso Nivel I e II (salto de lonxitude, lanzamento de peso e cadeira de rodas) e Concurso Nivel III (salto de lonxitude e lanzamento de pelota). Unha vez conclúa a actividade, procederase á entrega de trofeos e medallas.
No referente ao protocolo establecido por mor da COVID-19 determínase o seguinte: saídas de como máximo catro persoas separadas por dous carrís, con distancia de seguridade, por tempos e en grupos estables de dez persoas no caso de conviventes, co fin de que se evite no máximo posible a súa
interrelación coas outras persoas participantes; procurarase que os equipamentos ou ferramentas sexan persoais e intransferibles ou que as partes de contacto directo co corpo da persoa dispoñan de elementos substituíbles; realizaranse tarefas de ventilación periódica nos espazos utilizados; seguiranse os fluxos de circulación establecidos; tódalas persoas usuarias deberán levar consigo a súa propia máscara e o seu propio xel hidroalcohólico para tódalas actividades; será obrigatorio o lavado de mans en tódolos accesos ás instalacións con auga e xabón ou con xel hidroalcohólico de xeito constante antes de cada actividade que se vaia realizar e despois dela; mante-la distancia de seguridade mínima de dous metros; e control de temperatura, entre outros moitos aspectos.
Así mesmo, destinarase un espazo para illamento preventivo e haberá unha ambulancia con soporte vital básico e persoal médico para toda a proba.