A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que a súa declaración como Ben de Interese Cultural “é un primeiro paso moi importante para o fin que perseguimos todas e todos os coruñeses”
O Concello recibiu estes días o informe artístico sobre a Casa Cornide que confirma a súa singularidade e co que o Concello comezará o procedemento administrativo para solicitar a distinción de Ben de Interese Cultural ante a Xunta de Galicia.
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou hoxe que convocará as persoas integrantes do Consello da Memoria Democrática e que rexistrará a solicitude de Declaración BIC na Xunta para que a Casa Cornide teña a protección que merece. “Isto confirma que os Franco se fixeron cun edificio dun valor patrimonial e histórico incalculable para a cidade, un inmoble que se espoliou tras unha poxa amañada, e que ten que volver a ser parte do patrimonio público da Coruña e das/dos coruñeses”.
A alcaldesa lembrou que a recuperación deste ben “será unha loita longa, pero o Concello está preparado para asumila e a declaración BIC é un primeiro paso moi importante para o fin que perseguimos todas e todos os coruñeses”, apuntou.
O experto Vigo Trasancos completou estes días un estudo no que investigaron profesionais de historia da arte, arquitectura, historia, topografía e conservación de bens culturais, que corroboran a excepcionalidade dunha obra que nestes 257 anos non variou o proxecto inicial con fachadas que respectan o espírito xeral.
Descoñecen, iso si, os cambios que se produciron na distribución interna da casa pero da parte exterior aseguran que son perfectamente recoñecibles as fases e os momentos construtivos, polo que esta circunstancia achega máis contido á historia física do edificio e pode chegar a poñerse en relación coa historia inmaterial. Son valores que se complementan e engrosan as perspectivas patrimoniais que se lle poden esixir a calquera elemento dos considerados BIC.
O escrito conclúe que se trata dun bloque singular e extraordinario que pouco ten que ver co resto de mansións coetáneas que se conservan na cidade como son a Casa Martelo, na Franxa, a casa-pazo dos Zuazo Mondragón da estreita de Santo André, xa desaparecida, ou as vivendas porticadas das casas de Paredes na Mariña. A súa orixinalidade acrecéntase ao comprobar que tampouco ten parangón en Galicia con ningunha outra obra similar polas súas formas francesas e próximas á estética filo rococó.
Así mesmo, distánciase das mansións barrocas que predominan na escena urbana galega, con estilos máis vernáculos como as casas do Deán e do Cabildo e mais o pazo de Bendaña en Santiago ou mesmo o pazo de Orbán de Lugo. No estudo, Vigo Trasancos sinala que ocorre igual se a comparamos coas grandes residencias aristocráticas ou coas casas señoriais. Por iso que son moi poucos os edificios galegos que se poden identificar cun estilo de raizame rococó dunha maneira tan expresa, “tanto pola presenza de ricas varandas de ferro forxado moi decoradas ‘ao francés’, como polas repisas caprichosas das súas balconadas, polo ritmo elegante e diversificado dos seus curvados vans ou polas formas asimétricas e de rocalla que adornan o escudo señorial que preside a fachada rematada nunha ondulante cornixa”. A investigación apunta que incluso os seus peches esquinados curvos son únicos, xunto ás súas formas, ao non predominaren no contexto español do seu século, xa que a arquitectura de hai tres séculos caracterizábase por ser de liñas rectas e angulosas.
Esta suma de elementos fan que a Casa Cornide mereza acadar a distinción de BIC que se reclama coa condición de “monumento”. As claves están na adustez militar do seu aspecto robusto, que vén en parte por eses trazos barrocos, pero sobre todo, ten que ver coas características cosmopolitas que están vinculadas á arquitectura da primeira Ilustración.