Friday 22 de November de 2024

O Concello concede 2.216 bolsas comedor para este curso, un 85% máis que no pasado exercicio


Benestar Social sinala que se presentaron un total de 3.194 solicitudes, 1.196 máis que na convocatoria 2019/20

O Concello publicou esta mañá na web de Servizos Sociais a lista predefinitiva de persoas admitidas e excluídas no programa de bolsas comedor. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, anunciou que o concello concedeu 2.216 bolsas comedor para este curso, 1.016 concesións máis que na convocatoria anterior, un 85% máis que no pasado exercicio. De feito, no curso 2018/2019 o Concello concedeu 1.670 bolsas, un 33% menos que nesta convocatoria.

“Esta lista publicaríase o 17 de xullo de non ser polo parón de dous meses e once días debido ao estado de alarma”, dixo a concelleira, que destacou que é o ano en que máis solicitudes se presentaron e máis bolsas se concederon. O incremento, indicou, débese á mellora nos requisitos esixidos respecto a outros anos, xa que nesta convocatoria, a do 2020, aumentáronse en 1.000 euros anuais os ingresos máximos per cápita da unidade familiar, ademais as e os solicitantes son menores, polo tanto elimínase o problema que existía de denegación de solicitudes por débedas da familia coa Administración e incrementouse en 600 euros a dedución por alugueiro ou hipoteca. Nesta convocatoria concedéronse o 69,5% do total das 3.194 solicitudes que se presentaron este ano.

Doutra banda, foron denegadas 972, principalmente por non alcanzar a puntuación (8%), superar os ingresos (6%), non achegar a documentación (11,3%), presentar fóra de prazo (0,7%) e non cumprir os requisitos (4,2%). Ábrese agora un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións ás solicitudes rexeitadas, así que o número de bolsas poderíase incrementar.

Desde a Concellería de Benestar Social indican que se tramitaron 1.196 expedientes máis que na convocatoria do curso pasado, o que supón un incremento do 60%. E hai 312 solicitantes máis, cun incremento do 10,84%.

Neira sinalou que, a pesar do elevado incremento de solicitudes, este foi o ano en que o período de tramitación foi o máis curto das catro últimas convocatorias, de xeito que o atraso foi debido ao parón de tres meses que se produciu polo estado de alarma e pola ampliación do prazo de solicitude. O persoal traballador da concellería tramitou 26,8 expedientes por día fronte aos 13,3 da convocatoria anterior e aos 5,10 da convocatoria 2018/2019.

Neste senso, a concelleira destacou que en 2018/2019, que foi o ano en que se fixo a renovación automática da maior parte das solicitudes de bolsa, valoráronse 587 solicitudes nun período de tempo moi similar ao desta convocatoria, en que o número ascendeu a 3.194, a pesar da situación de emerxencia social que se viviu este ano.