Ambas as institucións analizarán nestas reunións as diferentes casuísticas na apropiación de vivendas
Esta tarde celebrouse unha sesión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade, que presidiu a alcaldesa, Inés Rey, e na que participaron os concelleiros Juan Díaz Villoslada, Juan Ignacio Borrego, Yoya Neira e mais o xefe de Seguridade, Carlos García Touriñán, así como a subdelegada de Goberno, Pilar López-Rioboo; unha inspectora do Corpo Nacional de Policía e persoal da institución estatal na Coruña. Entre todas e todos os participantes acordaron crear unha mesa de traballo en que analizarán de forma periódica as casuísticas do fenómeno da ocupación de vivendas co fin de diferenciaren aquelas apropiacións de vivendas que se producen por unha emerxencia social das que responden a outros perfís. Deste modo, queren evitar situacións como a vivida nestas semanas no barrio da Falperra.
Desde a xunta destacouse que non se pode catalogar a ocupación do mesmo xeito e falaron da necesidade de darlle o tratamento axeitado a cada un dos fenómenos, aspectos que se tratarán na reunión da mesa de traballo que se celebrará a vindeira semana.
Durante o encontro, abordaron o desaloxo desta mañá das e dos trece okupas do edificio da rúa Doctor Fleming e o posterior tapiado do inmoble, un operativo protagonizado polas forzas e corpos de seguridade estatais que apoiou tamén o Concello da Coruña.