Saturday 16 de November de 2024

O Monumento aos Liberais regresa á praza das Conchiñas despois de sete anos almacenado


Os edís Juan Díaz Villoslada e Jesús Celemín falaron durante a recolocación das figuras de bronce da importancia de conmemorar os momentos históricos máis importantes e o espírito democrático da cidade

Os concelleiros de Infraestruturas e o de Memoria Histórica, Juan Díaz Villoslada e Jesús Celemín, asistiron esta mañá á recolocación do Monumento aos Liberais, na praza das Conchiñas, que se retirou hai sete anos co fin de reformar o seu enclave. O edil de Urbanismo sinalou que, logo da remodelación definitiva da praza que completaron hai uns meses, “a asociación de veciños pediunos que recuperásemos a escultura ao exemplificar o sentir e a forma de ser da cidade”. Para Villoslada, cómpre recordar os momentos importantes da historia coruñesa e, por iso, en colaboración coa Concellería de Cultura, Infraestruturas situou hoxe as figuras de bronce enriba da base: “Non está toda a armazón orixinal, eliminouse algún elemento para que quedase en harmonía coa praza”. Na actuación, valorada en 25.359,83 euros, despexouse tamén o espazo para que non entorpeza a mobilidade das e dos peóns.

O concelleiro recordou que no proceso de recolocación se estudou o lugar definitivo co fin de que a creación tivese presenza e o chan de lousa aguantase o seu peso: “Era algo importante para As Conchiñas e para o espírito democrático da Coruña”. Pola súa parte, Celemín lembrou que a cidade foi o segundo bastión que se revelou contra o absolutismo en 1820 para se estender máis tarde por todo o Estado e por Europa. O concelleiro apuntou que a alcaldesa, Inés Rey, se comprometeu este ano a devolverlle á Agra do Orzán o monumento de José Castiñeiras.