A alcaldesa presentou este novo evento deportivo no que a natureza é a protagonista / O foco da organización nesta edición está posta nas medidas sanitarias
O Concello de Lousame presentou esta mañá a cuarta edición do Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede” xunto a segunda edición do Pequetrail e da cuarta andaina solidaria coa Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva. No acto de presentación, presidido pola alcaldesa de Lousame, participaron os técnicos de deporte Néstor Romero e German Romero, e o técnico de Xuventude, José M. Outeiral, e o xerente de Emesports, Ezequiel Mosquera.
Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, explicou que “natureza e deporte danse a man nesta actividade, que se deseñou en base as medidas hixiénico-sanitarias determinadas polas autoridades sanitarias dun xeito moi rigoroso”. Segundo detallou a alcaldesa, “está e unha oportunidade para desfrutar da beleza dos espazos naturais de Lousame, e practicar deporte nunha contorna segura”.
Esta nova edición celebrarase a última fin de semana do ano, o 26 e 27 de decembro. A andaina terá lugar o sábado 26 de decembro, a saída será dende o polideportivo ás 10:00 horas, e poden asistir un máximo de 50 persoas. O Pequetrail, na tarde do 26 de decembro, sairá ás 16:15 horas do Parque de San Lourenzo. O domingo 27 terá lugar o Trail, que ten dúas versións, a curta e a longa. No caso do trail co percorrido máis curto será de 14 quilómetros e a súa saída está programada para ás 11:00 horas. Pola súa
banda, o trail maís longo ten un percorrido de 25 quilómetros, e a saída será ás 10:00 horas.
As saídas e entradas estarán moi controladas neste caso, as medidas de control serán moi rigorosas neste caso. Así, haberá unha zona Covid na que se tomará a temperatura a todos os asistentes, e todos aqueles que teñan unha temperatura superior a 37º non poderán participar. Asemade, os participantes deberán enviar unha declaración na que certifiquen non estar contaxiado por Covid-19 nin ter síntomas antes da proba. A máscara é obrigatoria dende a saída ata un certo marxe ao igual que a entrada, durante o percorrido non será necesaria, pero sempre que se adiante a un corredor haberá que volver a poñela. A meta será desaloxada tras a chegada de cada corredor, que pasará a unha zona diferenciada, onde poden recoller unha bolsa individual con bebida e froita. Se ben, nesta ocasión non haberá desprazamentos colectivos como autobuses, non haberá tampouco garda roupa nin duchas.
As inscricións poden realizarse a través da páxina web www.emesports.com a partir do mércores 28 e outubro ata o 20 de decembro. En caso de que a situación sanitaria evolucione de xeito non favorable e houbese que limitar máis os aforos, os organizadores primarán a orde de inscrición.
Tanto o Concello de Lousame como as distintas entidades participantes mostraron o seu agradecemento aos voluntarios e ao grupo de protección civil pola súa implicación coa organización deste evento.