Os interesados ou interesadas en participar poden inscribirse desde hoxe, luns 26 de outubro, ata o xoves 29 de outubro.
O Concello de Miño deseñou unha actividade para celebrar Samaín de forma segura e adaptándose ás restricións que marca o contexto sanitario actual. A acción, denominada ‘ Cabazas na Fraga do Xarío’, consiste nun concurso de creación de cabazas para logo expoñelas durante a fin de semana no paseo da Fraga do Xarío.
O único requisito para participar é ter máis de 18 anos e o prazo para anotarse estará aberto desde hoxe, luns 26 de outubro, ata o xoves 29 de outubro. Os interesados ou interesadas poden facelo no correo cultura.deportes@concellodemino.gal ou nos teléfonos 981 782 659e 981 784 405. Cada participante só poderá presentar unha cabaza e non se poderá utilizar ningún tipo de vela, cirio, ou iluminación que implique chama ou lume, nin natural nin artificial.
O venres 30 de outubro as persoas participantes terán que levar a súa cabaza ata a senda da Fraga do Xarío, nun horario que convirá a organización previamente. Alí serán colocadas nuns troncos de madeira, numeradas e fotografadas para a súa posterior valoración, e permanecerán durante toda a fin de semana, ata o luns 2 de novembro, para que os veciños e veciñas de Miño gocen dun paseo na natureza e da creatividade das cabazas.