Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede 54 axudas para o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de 555.000 euros


Trátase da primeira da liña de axudas impulsada pola Xunta, dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de conceder un total de 54 axudas para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais, cun investimento de 555.000 euros.
Trátase da primeira da liña de axudas impulsada pola Xunta, dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios.
Destas axudas, un total de 51 foron concedidas á propostas procedentes de entidades veciñais e individuais da provincia de Pontevedra que se abastecen mediante sistemas de traída propios. O resto das axudas foron destinadas a 2 proxectos de comunidades de usuarios da provincia da Coruña, e 1 na provincia de Ourense.
As iniciativas presentadas polas comunidades céntranse na implantación ou mellora dos sistemas de tratamento da auga, tanto de mellora das infraestruturas de almacenamento que inciden directamente na mellora da calidade, como da realización de análises da auga para comprobar a súa calidade antes e despois da intervención.

Para acceder aos incentivos, as comunidades de usuarios deben estar formalmente constituídas e acreditar incumprimentos de parámetros sanitarios da calidade das augas mediante analíticas.
Estas axudas asumen o 80% do importe das actuacións que resultaron elixidas, seguindo os criterios marcados na convocatoria, con ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios beneficiada, non sendo compatible con outras subvencións ou axudas.
Cómpre sinalar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. Neste sentido, a lexislación estatal de augas bríndalles xa un marco lexislativo especial, outorgándolle carácter de corporacións de dereito público adscritas e tuteladas polo organismo de conca.
No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable.
De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais