Comezaranse novos traballos en vías da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño e O Ribeiro; e nas zonas da Baixa Limia, Verín, Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana
A Xunta comeza esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de distintas estradas da área de Vigo e as comarcas de Baixo Miño e do Condado-Paradanta.
Estas intervencións, súmanse ás que se están a executar nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co polígono industrial de Balaídos.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.
En paralelo, a vindeira semana tamén comezarán novos traballos en vías autonómicas da área de Ourense, Allariz, Celanova, O Carballiño, O Ribeiro; e das zonas da Baixa Limia, Verín, Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana.
Estas intervencións, tamén se iniciarán na provincia de Lugo, na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade. Ademais, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG- 2.2, en Lugo e no Corgo; e na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro.
Nas estradas da provincia da Coruña iniciaranse os traballos de roza e limpeza na estrada AC-432, en Vimianzo; continuando tamén os traballos iniciados a pasada semana na AC- 546, ao seu paso polo municipio coruñés da Baña. Tamén se continúan os labores na autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes, e na na vía de alta capacidade GC-1.5, ao seu paso polo municipio de Noia.
As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.
Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.
Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.
As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.