Friday 22 de November de 2024

Trenor destaca o traballo dos membros de protección civil de Coristanco para reforzar os servizos de emerxencias


A Administración autonómica continuará reforzando o equipamento das AVPC para que poidan levar a cabo as súas intervencións e labores de prevención en condicións de seguridade

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou as instalacións da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Coristanco que conta cun remolque de emerxencias e dúas pick up para as súas actuacións. O representante do Goberno autonómico lembrou que esta agrupación recibe achegas anuais para garantir o seu funcionamento, ademais dos equipos e da dotación do material necesaria para desenvolver as súas tarefas.
Trenor destacou na súa visita que “as agrupacións de voluntarios de Protección Civil actúan como un dos piares fundamentais no eido das emerxencias, en tanto que complementan e reforzan a rede profesional e contribúen co seu traballo desinteresado e altruísta a ofrecer a mellor resposta posible para garantir a seguridade dos cidadáns”.
A Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento en medios materiais para reforzar o equipamento de emerxencias tanto das AVPC como dos os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
A Administración autonómica continuará así a reforzar o equipamento das AVPC para que poidan levar a cabo as súas intervencións e labores de prevención de riscos en condicións de seguridade. Neste senso, Trenor apuntou que “a colaboración entre a Xunta e os concellos en materia de protección civil e emerxencias permite dotar aos membros dos servizos municipais dun equipamento adecuado para realizar o seu traballo nas mellores condicións e, desta forma, prestar unha atención máis eficaz e garantir a seguridade da cidadanía”.

O delegado da Xunta puxo en valor “o labor altruísta que demostran no seu traballo os membros da entidade de Protección Civil de Coristanco e indicou que coa súa colaboración, tanto en tarefas de prevención como nas intervencións, contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns na defensa da súa seguridade e na atención ás emerxencias.
Trenor tamén lembrou que os membros das agrupacións de Protección Civil reciben formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo tanto de forma centralizada nas instalacións da AGASP como descentralizada en todas as provincias co obxectivo de achegar os cursos aos voluntarios e facilitarlles a súa participación.