Lage Tuñas: “Unha proposta de convenio a dúas bandas non pode recoller só as obrigas dunha das partes, esperamos que a Xunta concrete a súa para poder comezar canto antes unha actuación moi necesaria”.
O Goberno municipal da Coruña agarda que a Xunta concrete como, cando e con que fondos se construirá o prometido novo Chuac. A proposta de convenio remitida pola Xunta é un documento incompleto e parcial, que conta con informes municipais que cuestionan os seus termos tanto polo que figura nese texto como polo que non está reflectido nel. “Non figura unha cuantificación do importe das obrigas económicas que se contraen por parte da Xunta no borrador do convenio (…) deberían figurar de modo explícito”, expón un dos informes municipais, onde tamén se aclara que no texto remitido pola Xunta “tampouco menciona a previsión de prazos (…) pero é unha condición legal ao noso
xuízo inescusable para facilitar a propia viabilidade do cumprimento das recíprocas obrigacións”.
“Levamos meses traballando coa man tendida para tentar canalizar este asunto e facilitar que a Xunta poida levar a cabo as necesarias obras de ampliación e mellora do CHUAC, coido que o fixemos con lealdade, evitando abrir un debate sobre un convenio que non só é mellorable, senón que nalgúns aspectos roza a ilegalidade”, indicou o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage Tuñas.
A proposta de convenio remitida pola Xunta para a súa sinatura recolle o compromiso do Concello da Coruña de asumir o pago de 22 millóns de euros, pero non recolle ningunha cantidade a asumir pola Xunta, non constan prazos e non figuran as obrigas que asumirían as consellerías de Sanidade e Infraestruturas. “Unha proposta de convenio a dúas bandas non pode recoller só as obrigas dunha
das partes, esperamos que a Xunta concrete a súa para poder comezar canto antes unha actuación moi necesaria”, indicou Lage Tuñas.
Os informes xurídicos do persoal técnico municipal poñen en dúbida tamén que o Concello poida asumir o custo de determinados investimentos, que “corresponde ao Sergas dentro das súas competencias”. Os concellos, recordan os técnicos, non teñen competencias no ámbito sanitario, que son exclusivas da Xunta de Galicia. “Presentóusenos unha proposta de convenio coa que a Xunta pretendía que un
concello financiara a obra dun hospital que é da súa exclusiva competencia, sen especificar canto ía poñer a propia Xunta; aínda así, por lealdade e pensando no interese da cidade, non fixemos ningunha crítica, confiando no diálogo entre as dúas partes para corrixir os erros e atopar unha solución, terá que explicar a Xunta por que escolleu outro camiño e se o seu obxectivo é realmente construír un hospital ou
busca algo distinto”, explicou José Manuel Lage Tuñas.
“Este Goberno municipal non ten só a vontade de facilitar a renovación e ampliación do Chuac, senón que esixirá que se faga. É máis, é algo que xa chega tarde porque vamos por detrás doutras moitas cidades galegas”, avanzou Lage Tuñas, quen agarda que a Xunta se sente a negociar e a arranxar os problemas “en lugar de facer ruído”.
“A Xunta, que ten competencias en Sanidade, pode empezar mañá mesmo se quere a renovación do Chuac, sen ningún impedimento. De feito, é a súa obriga. Se ademais quere contar coa colaboración do Concello, o lóxico é que se sente a falar, e non que nos pida que asinemos un cheque en branco”, afirmou Lage Tuñas.