Saturday 23 de November de 2024

O pleno de Lousame aproba por unanimidade a súa adhesión á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña


O pleno municipal aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Lousame á Central de Contratación da Deputación Provincial da Coruña polos próximos catro anos, prorrogables por outros catro anos. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que con esta adhesión “pretendemos lograr as condicións económicas máis vantaxosas e a conseguinte redución do noso gasto público a través dun sistema de contratación centralizado que, ao mesmo tempo, simplificará a tramitación administrativa na compra de bens e servizos dun xeito áxil, transparente e seguro”.

Teresa Villaverde aclarou que esta adhesión non supón que o Concello de Lousame estea obrigado a efectuar todas as súas contratacións a través Central de Contratación da Deputación, senón que poderá utilizar este sistema ou calquera outro establecido na lexislación de contratación pública. Agora ben, se o Concello se adhire individualmente a un Acordo Marco sobre un determinado ben ou servizo, non podería facer contratación algunha á marxe da Central de Contratación.

A sesión plenaria tamén aprobou, cos votos a favor do PP e cunha abstención do PSOE, a modificación dun erro nun dos proxectos incluídos no POS 2015 e a acta da sesión do 22 de decembro. Non se presentaron mocións para o seu debate e, tras a quenda de rogos e preguntas, a alcaldesa levantou a sesión emprazando aos presentes para un pleno extraordinario a celebrar a mediados de febreiro.