Friday 22 de November de 2024

Un botellón, posible escenario de varios desperfectos na área recreativa dos Currás, en San Sadurniño


Operarios da área de Servizos botaron hoxe parte da mañá reparando os danos rexistrados na área recreativa dos Currás, onde apareceu roto o valo de madeira que fai de división entre o parque infantil e o merendeiro situado nas entremedias da piscina e do campo municipal. Os desperfectos non foron demasiado cuantiosos e, de feito, os traballadores reaproveitaron para o amaño boa parte do material esparexido pola zona. Descoñécese a autoría dun acto vandálico que xa se puxo en coñecemento da Garda Civil de cara a que se incremente a vixilancia, posto que ao carón do lugar apareceron cristais rotos e unha botella de alcol baleira, o que fai supoñer que neste recinto relativamente afastado do centro municipal poden estarse organizando botellóns.

Cabe lembrar que o consumo de alcol nos espazos públicos está prohibido desde o pasado mes de agosto, cando a Xunta detectou que os botellóns podían ser un importante foco de contaxios. Agora a situación sanitaria aínda é máis seria e, en consecuencia, tamén as restricións. Neste momento segue vixente a prohibición de beber na rúa e en calquera lugar ao aire libre -salvo en fincas privadas- e, ademais, desde este xoves tamén están prohibidos en sitios públicos e privados os grupos de máis de 5 persoas que non vivan xuntas.

Son estas prohibicións e non tanto os danos atopados nos Currás -aínda que tamén- os que levaron ao departamento de Servizos a contactar esta mañá co posto da Garda Civil para solicitar que se aumente a vixilancia neste punto e noutros que quedan fastados de zonas poboadas e de miradas que poidan avisar ás autoridades, como son as áreas recreativas que hai repartidas polo territorio.

O obxectivo é previr desperfectos en bens públicos e, máis que nada, asegurar que as xuntanzas -protagonizadas presumiblemente por xente nova- non se convertan nun vector de contaxios do coronavirus.

Cortada a circulación na ponte do Sisto
Por outra banda, onte á tardiña o Concello de Moeche balizou o entorno da ponte do Sisto para prohibir o tránsito de vehículos, despois de detectar un acusado desnivel do firme que podería resultar no derrubamento do paso.

A ponte -construída pola veciñanza hai case 50 anos- encóntrase xusto no límite entre Moeche e San Sadurniño. Ata o lugar xa se desprazou persoal técnico para preparar o proxecto de reparación e cuantificar o seu custe, que será sufragado por ambas administracións locais.

Para levar a cabo as obras será preceptiva a autorización previa de Augas de Galicia, por tratarse dunha intervención que excede os supostos en que abondaría unha declaración responsable. O compromiso municipal é o de amañar a ponte “de inmediato”, unha vez se obteñan os permisos autonómicos.