A modificación de créditos aprobouse esta mañá nun pleno urxente cos votos a favor de BNG, PSOE e EU
308.309,26€. Esa é a cantidade exacta en que se incrementarán distintas partidas municipais grazas á modificación de créditos aprobada esta mañá nun pleno extraordinario e urxente polos tres partidos que conforman o grupo de goberno. Ese aumento nútrese integramente dos remanentes de tesouraría do propio consistorio e con el financiaranse distintas actuacións e proxectos no ámbito socioeconómico, cultural e educativo, ademais de encaixar o pagamento de subministracións e outras obrigas municipais. O máis relevante son as reservas económicas para a obra de ampliación do comedor do CEIP Centieiras, a dotación para a iluminación do Nadal, o cofinanciamento do Transporte Metropolitano ou o investimento que supuxo a loxística de adaptar a programación cultural ás esixencias preventivas da COVID-19. Porén, desde o Executivo local destácase o capítulo de fomento do emprego, ao que se dedican case 34.000 euros como parte que deberá poñer o Concello para impulsar en Fene as axudas do PEL-Reactiva da Deputación da Coruña, dirixidas a microempresas e persoas autónomas e cun montante global próximo aos 170.000 euros.
O PEL-Reactiva é unha liña provincial que ten por finalidade prover de fondos ás administracións locais para que convoquen subvencións orientadas á recuperación económica do seu tecido produtivo ou, cando menos, que lle axuden aos pequenos negocios a compensar as perdas producidas polo peche forzado durante o Estado de Alarma ou a redución da facturación por causa da pandemia.
Merca de material, arrendamentos e canons, adaptación dos locais ás medidas de protección, primas de seguros, gastos de auga, luz e combustibles, etc., son só algúns dos apartados que se financiarán coa convocatoria de axudas a través deste programa extraordinario que, no caso de Fene, disporá dun orzamento total de 169.808,57€. Desta cifra, 135.846,86 euros poraos o ente provincial e os 33.961,71 restantes irán por conta do Concello, despois de que esta mañá o pleno acordase a dotación de fondos procedentes dos seus remanentes de tesouraría.
O plan PEL-Reactiva permitirá conceder axudas de entre 1.500 e 3.000 euros a persoas autónomas e microempresas. A convocatoria municipal publicarase nos próximos días, de cara a que o tecido produtivo local poida empezar a solicitar as achegas.
Ampliación do comedor de Centieiras
A modificación orzamentaria aprobada hoxe tamén permitirá dedicar 38.000 euros ás obras de ampliación do comedor do CEIP Centieiras. Trátase dunha demanda formulada en repetidas ocasións pola comunidade educativa que se levará a cabo con fondos municipais. O Concello xa ten definido o proxecto, co que se persegue aumentar a superficie dispoñible -máis necesaria que nunca nas actuais circunstancias- ao tempo que se melloran as condicións do espazo. O Executivo local agarda poder licitar e levar a cabo a remodelación o máis axiña posible.
En relación co ensino, Fene tamén incorporou á modificación de créditos os custes relacionados coas limpezas extraordinarias nos centros escolares, así como os consumos enerxéticos tanto destas instalacións como das do Centro de Saúde, onde ademais se arranxará a caldeira da calefacción.
Cofinanciamento do Transporte Metropolitano
A relación de apartados económicos incrementados no orzamento incorpora, ademais, 24.318,39 € para o Plan de Transporte Metropolitano, que se ben habitualmente se asocia cunha iniciativa autonómica, está cofinanciado polos concellos onde está implantado. Unha vez introducida a partida no orzamento, a Xunta e mailo Concello de Fene asinarán proximamente o convenio correspondente, que favorece prezos do billete máis baratos para as persoas usuarias do transporte público na comarca.
57.200 euros máis para Cultura
A incidencia da COVID-19 e a necesidade de reforzar as medidas preventivas tamén repercutiu na programación cultural. A este respecto, nos últimos meses cumpriu adaptar os eventos aos protocolos de seguridade e, ademais, variar a loxística do seu desenvolvemento. Esa é a razón de incrementar en 57.200 euros as partidas correspondentes a Cultura, cos que se sufragarán os alugueiros da carpa utilizada habitualmente na praza do Concello, o custe de servizos de amplificación, consumos enerxéticos e os gastos asociados á venda/reserva telemática de entradas a través da web de Ataquilla.com.
Por outra banda, no pleno desta mañá, BNG, PSOE e EU, aprobaron en solitario incorporar 20.000 euros dos remanentes de tesouraría ao orzamento en vigor. Con eles financiarase a instalación da iluminación do Nadal.
A cantidade restante ata completar os 308.000 euros da modificación de créditos dedicaranse, na súa maior parte, a un novo aplicativo de control horario nas instalacións municipais -7.800 €-, ao pagamento de facturas eléctricas en instalacións deportivas -arredor de 10.000€- e aos custes enerxéticos do bombeo da rede de saneamento situado nas Cagallas -40.000 €-, compartidos nunha proporción 75-25% entre Fene e Mugardos.