Inés Rey visitou o centro do Fórum Metropolitano para festexar o Día Mundial das Bibliotecas que se celebra mañá
A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que a partir do luns, 2 de novembro, as bibliotecas da Rede amplían o seu horario e que as salas infantís reabrirán das 16.00 horas ás 20.30 horas de luns a venres e, ademais, toda a xornada dos sábados nas bibliotecas que ofrezan servizo nese día. Tamén se reactivarán as actividades habituais como son os clubs de lectura, contacontos, cursos de alfabetización dixital etc.. sempre que a pandemia o permita.
A rexedora visitou esta mañá a biblioteca do Fórum Metropolitano para festexar co persoal traballador e as persoas usuarias o Día da Biblioteca que se celebra mañá. A alcaldesa quixo deste xeito mostrarlles o seu agradecemento “porque a simbiose bibliotecario-persoas usuarias deu lugar a un proxecto cultural de vital importancia de tal maneira que esta cidade é punteira non só en servizos bibliotecarios senón, tamén, en servizos culturais”.
Para Rey, a Rede de bibliotecas, símbolo das políticas socialistas e educativas na cidade e potenciada por todos os gobernos, son un servizo esencial que chega case ao 70 % da poboación, con máis de 800.000 visitantes o ano pasado, e 104.381 persoas socias. “O noso obxectivo é servir a practicamente o 100% da poboación da cidade”, sinalou.
“As nosas bibliotecas achegan a cultura e favorecen a igualdade e a diversidade”, apuntou a alcaldesa, quen lembrou que durante a pandemia pecharon as súas portas físicas pero non a as virtuais, xa que nos acompañaron a través dos medios e canles dixitais e a través do teléfono. “A rede encheuse coas súas actividades, lecturas, vídeos… Cambiaron o seu formato, pero non a súa esencia. Seguiron á beira da veciñanza, porque son espazos cheos de solidariedade, complicidade e profesionalidade.”, dixo Rey durante a súa visita en que comprobou que as bibliotecas son espazos seguros que cumpren todas as medidas sanitarias obrigatorias e que as persoas usuarias poden volver usalas con tranquilidade.