Saturday 16 de November de 2024

Yoya Neira: “Para avanzar na educación social e no tratamento das adiccións é fundamental escoitarnos e traballar en rede”


A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, participou esta mañá nunha xornada sobre educación social e adiccións que se realizou na Facultade de Ciencias da Educación

A concelleira de Benestar Social, e Igualdade, Yoya Neira, participou esta mañá nunha xornada sobre educación social e adiccións que tivo lugar esta mañá na Facultade de Ciencias da Educación, organizada polo Grupo de Traballo sobre Educación Social e Saúde, MIOLO, o Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia, CEESG e a Universidade da Coruña.

Para a concelleira, este tipo de xornadas serve para que Universidade, concello e entidades profesionais “poñamos sobre a mesa experiencias e boas prácticas para espremer o mellor delas e telas en conta á hora de establecer, no noso caso, políticas sociais”. Por iso, sinalou que “para avanzar na educación social e no tratamento das adiccións é fundamental escoitarnos e traballar en rede”.

Deste xeito, resaltou, asociacións, institucións e organismos públicos traballan en equipo e reforzan esta rede tan necesaria para cubrir todas as demandas que pide a sociedade e que non están cubertas “Cunha comunicación fluída coas distintas ramas: a socioeducativa, a sanitaria e a psicolóxica, o resultado será máis efectivo e esas persoas poderán reinserirse na sociedade cunha maior seguridade en si mesmas”, dixo. As administracións locais, apuntou, estamos obrigadas a manter unha relación directa coas entidades e profesionais co fin de completar o seu labor e que non se incida sobre o mesmo, “para ir a onde non chegan os demais e atender mellor as necesidades das nosas veciñas e veciños”.

O concello traballa xa desde hai anos na prevención de adiccións que reflicten condutas aditivas con ou sen substancias, en especial as relacionadas coas novas tecnoloxías. Puxo tamén en marcha programas de actividades cun amplo abano de accións no ámbito escolar, familiar e comunitario co fin de previr adiccións entre as persoas máis novas. Ademais, organiza talleres para previr o mal uso de Internet, o consumo de alcol, tabaco e drogas, a xestión de conflitos e o acoso escolar.

Doutra banda, o Goberno local a través do programa Nocturnia ofrécelle á mocidade unha gran variedade de actividades de lecer saudable. “Unha oferta que intenta frear o consumo de alcol e drogas entre a mocidade a idades cada vez máis temperás”, dixo a concelleira para quen a prevención de condutas aditivas debe comezar nas aulas promovendo hábitos saudables desde os primeiros cursos para que as mensaxes vaian calando entre a propia xuventude.