A matrícula continúa aberta, pero os usuarios e usuarias deste servizo non terán que facer ningún pago ata que se concreten novas medidas sanitarias e se fixe unha data para comezar
Manter a seguridade da cidadanía é a prioridade do Concello de Padrón, por iso as actividades das aulas da terceira idade quedan adiadas en función da evolución da pandemia da Covid-19. Asprevisións iniciais apuntaban a que as actividades comezarían no mes de novembro tras abrir a matrícula o día 9 de outubro, pero polo de agora non hai unha data e os usuarios e usuarias non terán que realizar ningún pago ata que avance a situación. As persoas asistentes a este tipo de clases representan, pola súa idade, grupos de risco fronte á Covid-19, por iso dende o Concello prefiren ser cautos. A concelleira de Terceira Idade, Lorena Couso, explicou que “a intención é por en marcha estas actividades, pero a prioridade é a saúde, polo que ata que a situación mellore ou se establezan protocolos máis ríxidos, consideramos que o máis responsable e pospoñer o seu inicio”.
O programa das clases de ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos) en Padrón organizase en tres grandes áreas de participación – de saúde, cultural e ocupacional- con cursos e seminarios moi variados como por exemplo, clases de pilates, rutas de sendeirismo, obradoiros de memoria, cursos de informática ou clases de pintura, que ademais amplían a súa oferta con propostas puntuais ao longo do curso como excursións, obradoiros ou congresos. As aulas desenvólvense no casco histórico e tamén en áreas rurais como Extramundi, Carcacía ou Angueria de Suso, e para asistir non hai límite de idade.
O obxectivo desta iniciativa, cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Concello de Padrón, é mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través dun amplo abano de actividades. O ano pasado estes cursos acadaron un total de 239 alumnos, se ben no 2020 os grupos teñen que ser máis reducidos por motivos de seguridade, do mesmo xeito que se adaptaron os espazos en función das medidas recomendadas polas autoridades sanitarias.