Friday 22 de November de 2024

O concello emprenderá melloras en Riveira, Corrubedo, Castiñeiras e Palmeira con cargo ao plan de aforro da Deputación


As obras afectarán a 16 viales e comportarán un investimento de case 200.000 euros

O Concello de Riveira ten previsto emprender unha serie de actuacións de mellora nas parroquias de Santa Uxía, Corrubedo, Castiñeiras e Palmeira con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación Provincial. A participación da Administración Local neste programa será de feito un dos asuntos que serán debatidos no pleno ordinario do vindeiro luns.

O importe total das actuacións que se van realizar, que afectarán a un total de 16 viales diseminados polas referidas parroquias, ascende a 199.491 euros.

Avenida de Ferrol
Na parroquia de Santa Uxía acometerase a renovación dun tramo de beirarrúas de 95 metros liñais pertencente á avenida de Ferrol, principal zona de entrada á cidade. Neste senso, as lousas de baldosa hidráulica da zona afectada, bastante deterioradas, serán substituídas por lousetas de formigón de diferentes cores e pavimento de formigón. Ademais, instalarase unha rede de pluviais a base de colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e 95 metros de lonxitude. O prazo de execución é dun mes e o importe ascende a 31.491 euros.

Polo que respecta a Corrubedo, prevense realizar labores de pavimentación nas rúas Falcato e transversal rúa Delicias (dous das principais vías para saír do casco urbano da parroquia, ao conectar coa avenida Buenos Aires), ademais da rúas que integran a zona próxima á praia do Prado coñecida como Campo da Agra (rúas Voluntariado, Morosa, Cantón, Rinchador, Agras, Prado e travesía do Cantón). O investimento total desta sería de actuacións ascende a 50.000 euros. O prazo é dun mes e medio.

Castiñeiras
No que se refire a Castiñeiras, as rúas obxecto dun novo pavimento asfáltico serán Camiño da Auga, da Igrexa e da Batiola, todas elas situadas na contorna do templo da parroquia. As obras ascenden en 55.000 euros. O prazo é dun mes.

E no que se refire a Palmeira, serán beneficiadas cun novo firme a estrada coñecida como do Carballal (detrás da subestación de Fenosa) e dous tramos das rúas Pedra da Aiga e rúa da Bouciña. O investimento total é de 63.000 euros. Ten un mes e medio de praza.