No mes de novembro transcorrerán no Elma dúas actividades enmarcadas no programa de dinamización lingüística FalaRedes 2020 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), á cal o Concello da Pobra do Caramiñal pertence dende hai un ano a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Así o deron a coñecer esta mesma tarde o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG), e a técnica do referido servizo, Paula Alexandre Teixeiro.
O edil encargouse de debulla-lo contido de ámbalas citas, ademais dos seus obxectivos: fomenta-lo uso da lingua galega, especialmente, entre a mocidade; dar a coñece-la tradición oral; e pasar tempo de lecer.
O espectáculo Contos no Camiño chega ao teatro cine Elma no 1 de novembro, ás 18.30 horas, e consiste nunha función de narrativa oral “de primeiro nivel”, onde tres contadores e contadoras galegas -Xurxo Souto, Beatriz Campos e Quico Cadaval- comparten escenario cun guión inspirado no Camiño de Santiago, baseado en lendas e historias singulares, sen esquece-lo humor.
Por outra banda, a compañía A Cova das Letras traerá ás 18.30 horas do 19 de novembro, tamén no Elma, o espectáculo Polo Camiño, contos da feira, unha proposta para a cal se empregan títeres de luva e de táboa e que se basea na tradición oral galega e mais noutras literaturas populares para narra-la historia dunha feira na cal conflúen seis personaxes que, cos seus contos e cantos, fan voa-la imaxinación do público: a fotógrafa minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira.
Pola súa banda, a técnica do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) apuntou que, dende que o Concello se adherise á Rede de Dinamización Lingüística (RDL), estes son o quinto e sexto eventos que se realizan en colaboración coa Xunta neste eido. Así mesmo, indicou que estes actos se atopan estreitamente ligados á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, e que a Real Academia Galega (RAG) adiou a súa parte presencial ata o día 31 de outubro por mor da situación derivada do coronavirus.
As actividades son de balde e aptas para tódolos públicos. Seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19, polo cal se aconsella a reserva previa da entrada a través do teléfono de contacto 676666263, ben sexa chamando ou por whatsapp. A fin do prazo da inscrición é ás 16.00 horas do propio día dos eventos.