Friday 01 de November de 2024

O Concello pospón o inicio das Escolas Municipais atendendo ás novas restricións anunciadas pola Xunta


Segundo as últimas medidas decretadas polo organismo autonómico, a realización de actividades deportivas queda limitada a grupos de, como máximo, 5 persoas –sen contar ao monitor-, sexan ou non conviventes.

O Concello de Carral acaba de pospor o inicio das Escolas Municipais atendendo á evolución epidemiolóxica da COVID-19 en Galicia. A Xunta de Galicia decretou novas restricións para toda a comunidade que entraron en vigor hoxe, xoves 22 de outubro. Entre elas, o organismo autonómico limita a realización de actividades en instalacións deportivas cubertas a grupos de 5 persoas como máximo –sen contar ao monitor-, sexan ou non conviventes.

O goberno local incide en que “nesta situación, a saúde e o benestar dos veciños e veciñas é a máxima prioridade, polo que adiaremos o inicio destas actividades ata que mellore a situación sanitaria”.

As actividades dirixidas que se levan a cabo no Complexo Deportivo, ao longo de todo o ano, manteranse. Iso si, o desenvolvemento destas adaptaranse á última resolución anunciada pola Xunta de Galicia. Isto é, os grupos estarán compostos por un total de 5 persoas.

Co fin de reanudar o programa tan pronto como a situación sanitaria o permita, o Concello manterá aberto o prazo de inscrición. Así, as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude cuberta e asinada, preferiblemente, de xeito telemático a través do correo casadacultura@carral.es ou da sede electrónica www.carral.es. Así mesmo, poderán presentala de xeito presencial na Casa da Cultura ou no Complexo Deportivo.