O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse está mañá coa directiva da Asociación de Emprendedores de Galicia que expresou o seu apoio aos proxectos de humanización que está levando a cabo o concello
O concelleiro de Urbanismo e Moblidade, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá con persoas representantes da Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), para analizaren, entre outras cuestións, os proxectos de mobilidade, urbanísticos e de infraestruturas que está levando a cabo o Concello, e en que medida contribúen a reactivar o tecido económico e empresarial da cidade nesta situación de crise en que nos atopamos.
Villoslada destacou como as peonalizacións, que nun primeiro momento se realizaron para garantir a distancia social durante a desescalada, favorecen a reactivación da economía local, en especial no sector da hostalaría e do comercio e, ao mesmo tempo, son un eixe fundamental na construción de cidade que o Goberno local está deseñando para os próximos anos. Neste senso, o presidente de Ascega, Alfonso Salazar, trasladoulle ao edil o apoio da entidade aos plans de humanización que está a realizar o concello encamiñados a gañar espazos públicos de calidade para as persoas.
E, por último, o concelleiro explicoulles que os técnicos de Urbanismo dispoñen xa dunha interpretación única da normativa que permite axilizar os trámites na concesión de licenzas urbanísticas.