Friday 22 de November de 2024

Luz verde ao orzamento 2020, que ascende a máis de 3,8 millóns de euros


Na sesión extraordinaria, que se celebrou en liña, aprobáronse tamén a RPT e unha modificación de obras do Plan POS+2020

O Pleno de Boqueixón deu onte luz verde aos orzamentos do exercicio 2020. Debido as novas restricións
sanitarias, esta sesión extraordinaria realizouse en liña co fin de respectar os aforos reducidos a un máximo de 5 persoas.
Os orzamentos saíron adiante cos votos a favor do PP. O voceiro do equipo de goberno, José Manuel Iglesias, encargouse de resumir os principais puntos dunhas contas que ascenden a un total de 3.818.684,22€. “Trátase dun orzamento que está condicionado pola crise da COVID-19, polo que o
podemos considerar de transición, xa que agardamos aprobar o do exercicio 2021 antes de finalizar este ano”, indicou.
Iglesias salientou que se contemplan “máis de medio millón de euros en concepto de inversións”. A maioría dos proxectos correspóndense con distintas actuacións e, máis concretamente, con 22 relacionadas con infraestruturas e servizos.
Porén, parte deste capítulo tívose que adaptar dada a situación sanitaria actual: a adquisición de EPIS e equipos de prevención; 4.000 máscaras para entregar á veciñanza para frear os efectos da COVID-19; a solicitude ao Programa Pel- Reactiva para as axudas a Pemes e autónomos que se viron afectados pola pandemia, ou a ampliación do contrato de limpeza dos centros escolares do municipio con reforzo da desinfección dos espazos. Ademais, argumentou o voceiro do grupo de goberno, “hai unha consignación orzamentaria específica para dar resposta ás familias” que se atopen en dificultades económicas como
consecuencia da situación sanitaria.
Dende a oposición argumentaron o seu posicionamento en contra ao considerar que se trata dunhas “contas continuistas”. E instaron ao goberno local a incorporar no orzamento 2021 máis partidas aínda para axudar á poboación perxudicada pola crise da COVID-19.
Sobre isto, Iglesias adiantou que as vindeiras contas terán entre os seus obxectivos, “concentrar axudas e actuacións en paliar os efectos derivados da crise sanitaria, mediante a canalización de axudas propias ou doutras administracións para poder axudar á poboación directamente afectada”. Outro dos obxectivos a cumprir a través das contas do vindeiro exercicio pasará por “achegar a fibra óptica á veciñanza de Boqueixón á que non lle chegue este servizo a través da subvención do “Programa de Extensión de la Banda Ancha de Nueva Generación”. Buscaremos unha solución para completar a cobertura a nivel global do concello”, concluíu o voceiro do grupo de goberno.
Aprobación da RPT
Outro dos puntos da orde do día comprendeu a aprobación definitiva da RPT do Concello de Boqueixón, que saíu adiante cos votos do equipo de goberno.
Dende a oposición anunciaron o voto en contra por entender que existían incongruencias no texto, algo que o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, negou ao tratarse “dun documento que foi consensuado cos sindicatos nas mesas de debate da RPT. Houbo alegacións por parte dalgunhas persoas traballadoras, que xa foron respostadas e resoltas”.
En todo caso, dende o equipo de goberno amosáronse partidarios de revisar, de cara ao vindeiro orzamento, a RPT, xa que se contempla “algunha praza que se podería amortizar. Este documento que aprobamos hoxe pódese ir adaptando co tempo”, concretou o rexedor boqueixonés.
Por outra banda, a sesión extraordinaria de onte tamén incluíu a modificación do POS+2020 para substituír dúas actuacións por outras tantas de igual investimento contempladas no documento inicial. Así incluiranse o arranxo o viario que une os núcleos de Loureiro e Corna e a mellora dunha pista no lugar de Vilar (na parroquia de Sergude). Este punto tamén foi aprobado cos únicos votos do executivo popular.
Transporte metropolitano
Finalmente, deuse luz verde á adhesión do Concello de Boqueixón ao convenio de colaboración conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago de Compostela. Manuel Fernández Munín será o representante do Concello de Boqueixón nas distintas reunións que se levarán a cabo para a
organización deste servizo.
O rexedor indicou, ao respecto, que “xa lle trasladamos a Mobilidade unha serie de melloras que consideramos se deben aplicar no transporte metropolitano ao Concello de Boqueixón. Entre elas, o incremento de frecuencias de autobuses coincidindo cos horarios de entrada e de saída a centros de ensino e de postos de traballo”.
Un extremo que foi apoiado dende a oposición, que se abstivo na votación. O voceiro de Veciñ@s de Boqueixón, trasladou outras propostas de mellora como a solicitude de creación dunha app específica para o transporte metropolitano e o acondicionamento dun aparcadoiro disuasorio en A Susana. O executivo local recolleu estas propostas indicando que as porá sobre a mesa no debate das melloras do transporte metropolitano de Santiago.