A Consellaría de Sanidade publicou onte á noite, dous minutos antes das 00.00h. deste xoves, as medidas preventivas dos contaxios que rexerán en Galicia durante os próximos 14 días. A máis destacada é a limitación dos grupos en espazos públicos e pechados a un máximo de 5 persoas non convivintes, agás para actividades laborais, administrativas, no ensino regrado e universitario e no deporte federado. Tamén se limitan a un 50% e con carácter xeral as capacidades de tendas e outros negocios, incluída a hostalaría, onde non se poderá atender en barra pero si no interior sen sobrepasar esa mesa porcentaxe nin tampouco o 75% das mesas que haxa na terraza. Neste sentido, e tras estudar o contido da orde de Sanidade, o Concello decidiu por precaución interromper a celebración da feira deste 23 de outubro, ante as dificultades para controlar a afluencia de público esixidas na normativa, e informará máis adiante sobre a posibilidade ou non de levar a cabo as citas do 11 e do 23 de novembro, que dependerán da situación sanitaria e da normativa que rixa nese momento. Si se manterá o mercado dos sábados por tratarse dun evento nun recinto pechado e cun punto único de entrada e saída onde é doado asegurar o aforo máximo permitido. Por outra banda, o Concello tamén readaptará as escolas deportivas para atender á esixencia de grupos máximos de 5 persoas. Hoxe a máis mañá interrómpense, pero o luns volven á actividade con días e horarios ampliados que garantan o cumprimento das medidas preventivas.
Ante a publicación esta madrugada no Diario Oficial de Galicia de novas medidas de prevención ante a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19, o Concello de Moeche acordou a suspensión da feira deste venres 23 de outubro. Unha suspensión que terá vixencia durante polo menos 14 días, ao igual que a normativa publicada pola Xunta de Galicia.
A suspensión adóptase como medida de urxencia ante a imposibilidade de planificar un desenvolvemento seguro das feiras, que si poderían celebrarse no marco da orde publicada onte, aínda que limitando ao 50% o número de postos habituais e garantindo que o público asistente manteña o distanciamento persoal. Sanidade dá como opción ampliar a superficie dispoñible para poder compensar así as restricións, algo imposible de asumir para o Concello con tan só un día de marxe, dado que a norma entrou hoxe en vigor e a feira é mañá.
De cara ás feiras do 11 e 23 de novembro comunicarase con antelación se se celebran ou non, así como as condicións en que se desenvolverán, de ser o caso, en función da evolución da pandemia e das normas que se establezan ao cabo do actual período para contela. Cómpre ter en conta que as medidas preventivas publicadas esta medianoite poderían prorrogarse máis de dúas semanas ou incluso incrementar o nivel de restricións unha vez transcorrido ese tempo.
O Concello si manterá o mercado dos sábados na antiga nave dos tecidos. Alí disporanse os puntos de venda repartidos por todo o recinto e con maior separación entre si, de xeito que se poida compensar a limitación da capacidade máxima. Ademais, o feito de celebrarse nun espazo pechado e cunha única entrada principal permite manter controlada de maneira máis doada a entrada de persoas usuarias, que non adoita ser masiva. Iso si, o bar da nave deberá seguir as normas da hostalaría: máximo dun 50% da súa capacidade, só servizo en mesa e asegurar que en cada unha non se xunten máis de 5 persoas.
Reordenación das escolas deportivas
Por outra banda, e co obxectivo de poder manter o funcionamento das escolas deportivas, o Concello ampliará os días da semana nos que se impartirán as actividades de tal xeito que os grupos non superen as 5 persoas, conviventes ou non, sen contar o monitor.
De cara a reorganizar as datas e horarios, tanto este xoves 22 como mañá venres, día 23, suspéndense as actividades das Escolas Deportivas Municipais coa intención de retomalas o luns da semana que entra. O técnico deportivo contactará coas persoas matriculadas para notificar as modificacións.