Friday 22 de November de 2024

Yoya Neira: “A este ritmo, 2020 será o ano en que máis rendas sociais se concederán”


Este ano concedéronse 183 RSM, a segunda cantidade máis alta da historia da renda, só 12 rendas por baixo do ano que máis se concederon, pero aínda quedan dous meses de concesión.

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, destacou hoxe o esforzo levado a cabo polo persoal da súa concellaría na tramitación e xestión da Renda Social Municipal. Anunciou hoxe que nestes momentos existen 246 rendas sociais activas, doce máis que no mesmo mes do ano pasado. De feito, o pasado mes de abril foi o período no que máis altas se concederon, un total de 42, o maior dato nun mes na historia da renda, a pesar do estado de alarma.
No global do ano, ata o de agora, concedéronse un total de183 rendas, a segunda cantidade máis alta da historia deste programa, só 12 rendas por baixo do ano que máis se concederon, pero aínda quedan dous meses de concesións. Un dato que reflicte, explicou a concelleira, que “a este ritmo 2020 será o ano en que máis rendas sociais se concederán”
No que respecta ao programa das Bolsas Comedor, Neira sinala que o número de solicitantes de bolsa comedor con respecto ao pasado exercicio se incrementou nun 11,2% e un 46,6% con respecto a 2018, ano en que o 50% das solicitudes foron de renovación automática. Neira lembrou que, a pesar do elevado incremento de solicitudes, este foi o ano en que o período de tramitación foi o máis curto das catro últimas convocatorias, de xeito que o atraso foi debido ao parón de tres meses que se produciu polo estado de alarma e pola ampliación do prazo de solicitude.
A concelleira destacou que en 2018, que foi o ano en que se fixo a renovación automática da maior parte das solicitudes de bolsa, o período de tramitación foi moi similar ao deste ano, a pesar da situación de emerxencia social que se viviu este ano.

Lembra que nesta convocatoria, a do 2020, aumentáronse en 1.000 euros anuais os ingresos máximos per cápita da unidade familiar, ademais as e os solicitantes son menores, polo tanto elimínase o problema de denegación de solicitudes por débedas da familia coa Administración; incrementouse en 600 euros a dedución por alugueiro ou hipoteca e incluíronse os períodos de Nadal e verán.
Segundo a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, a lista predefinitiva publicarase a mediados da próxima semana. Nesta lista, dixo, as persoas solicitantes xa saberán que a teñen concedida.
Ademais, Neira sinalou a importancia da liña social do PRESCO que supuxo un incremento da partida da Renda Social Municipal en 150.000 euros, e da partida de emerxencia social en 700.000 euros. Ademais, dos convenios con entidades sociais para axudas de emerxencia social: 150.000 euros para Padre Rubinos e 150.000 para Cruz Vermella.
Para continuar os labores de voluntariado no acompañamento de maiores destináronse 100.000 euros para Cruz Vermella, 75.000 euros para Cáritas e 75.000 euros para Renacer.
Co Plan de reactivación económico e social da Coruña, a Concellería de Benestar Social incrementou o seu persoal traballador en 9 persoas: 4 técnicos de administración xeral, 4 traballadores sociais e 1 educador social.
Debido á nova situación provocada pola COVID-19, a concellería aprobou un programa de contratación que implica outro reforzo importante do persoal traballador xa que se amplía en 19 persoas con diferentes perfís profesionais.