Dende a Concellería de Servizos Sociais e Información Social infórmase de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo, da Xunta de Galicia, vén de convocar subvencións para Axuda ao Alugamento de Vivendas (DOG de 19 de xaneiro de 2015).
Son destinatarias calquera persoa física, agás aquelas que carezan de residencia legal en España. Considéranse colectivos preferentes: Familias numerosas. Mulleres víctimas de violencia de xénero. Persoas con discapacidade. Persoas afectadas por desafiuzamentos e suxeitas a medidas de flexibilización das execucións hipotecarias. Víctimas do terrorismo.
A axuda pode chegar ao 40% da renda anual que se deba satisfacer. O prazo está aberto ata o 19 de febreiro de 2015.
Entre outros requisitos figuran:
• Ser titular ou estar en condicións de subscribir contrato de arrendamento de vivenda.
• Que a vivenda sexa ou vaia a ser residencia habitual e permanente da persoa arrendataria.
• Que os ingresos das persoas da unidade de convivencia sexan en conxunto inferiores ao límite de ingresos establecidos na convocatoria.
• Que os solicitantes e integrantes da unidade de convivencia estean ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social e sen débedas coas administracións públicas.
• O custo mensual do aluguer das vivendas non poderán superar os 500 euros agás para familias numerosas, ou vivendas adaptadas, por ter un membro con mobilidade reducida, neses casos a renda máxima da vivenda pode acadar os 600 euros.
Para máis información e asesoramento cómpre dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais do Concello de Riveira.