Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión celebra por partida dobre o Día da Biblioteca con dous espectáculos dirixidos a un público familiar


O Concello de Brión celebrará por partida dobre o Día da Biblioteca con dous espectáculos culturais dirixidos a un público familiar, con nenos e nenas a partir dos 4 anos. Dúas actuacións de asistencia gratuíta pero con aforo limitado, polo que hai que reservar praza no 981 50 99 69 ou no mail bibliotecadebrion@briondixital.org .
Así, mañá venres 23 de outubro, ás 18:00 horas, a compañía Os Monicreques de Kukas porá en escena “Xan Perillán vai á biblioteca”. Unha montaxe de monifates e maxia a cargo de Marcelino de Santiago “Kukas”, dirixido por Isabel Rey Pousada, organizado polo Concello de Brión e patrocinado polo programa de dinamización lingüística FalaRedes.
E para o sábado 24, Día Internacional da Biblioteca, está programado un recital de música coa compañía Música Miúda. Será ás 12:00 horas, nunha actuación patrocinada polo programa Ler conta Moito da Rede de Biblioteca de Galicia. Durante aproximadamente 50 minutos, as persoas que asistan coñecerán as cancións de “Bemol Pequeno”, “Vén bailar e cantar coa meiga Xela”, ”O dinosauro Pepón”, etc. Un espectáculo de música para toda a familia.
Ambas as dúas actividades terán lugar, inicialmente, na sala municipal de exposicións de Brión. Se as condicións climatolóxicas así o permitiran, as actividades trasladaríanse á carballeira de Santa Minia. Nos dous casos, ademais de reservar a praza, será preciso asistir con máscara, manter a distancia de seguridade, hixenizar as mans con xel hidroalcólico e permanecer na cadeira asignada durante o espectáculo.