Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño interrompe as escolas culturais, as sesións de ximnasia de mantemento e outras actividades programadas


 

Debido á incerteza sobre a evolución da pandemia, o Concello tomou a decisión de interromper temporalmente todas as actividades presenciais que supuñan a xuntanza dun certo número de persoas. Até o pasado 15 de outubro -cando entrou en vigor a restrición para grupos máximos de 10 non convivintes- practicamente todas as escolas estaban dentro dese límite e, neste sentido, podían manterse cumprindo co distanciamento social, o uso de máscara e a hixiene de mans. O anuncio da Xunta de incrementar as restricións desde a medianoite de hoxe e durante -polo menos- os próximos 15 días, levaron á alcaldía e ás áreas de Cultura e Igualdade a paralizar as escolas municipais, a ximnasia de mantemento para persoas maiores, as sesións de exercicio físico en Lamas e outras actividades previstas, que se retomarían no momento en que as condicións sanitarias permitan facelo.

As novas limitacións sanitarias que entrarán en vigor este xoves complican o desenvolvemento do programa municipal, posto que sería necesario reducir aínda máis os grupos e establecer quendas que asegurasen en todo momento a prevención nos termos marcados pola Xunta. Ademais, o feito de que as autoridades sanitarias estean revisando cada poucos días as medidas restritivas tamén dificulta unha planificación que permita darlle certa estabilidade ás escolas na actual situación.

Por todo isto, suspéndense durante un tempo as clases presenciais de gaita, pandeireta e cantos de taberna, aínda que se está mirando a posibilidade de levalas a cabo de maneira virtual, tal e como se fixo durante as semanas de confinamento. Tamén se interrompen a ximnasia de mantemento para persoas maiores que tiña lugar nos locais sociais das parroquias e as sesións de exercicios que se lle estaban ofrecendo en Lamas ás persoas usuarias do ximnasio municipal, pechado desde o pasado mes de marzo.

Por último, tamén se pospoñen para máis adiante outras citas programadas: as andainas dos últimos domingos de mes, o programa Tempos para compartir e o ciclo Tempo de familias que, neste último caso -de haber inscricións- se ofrecerá por videoconferencia.

Pendentes do Diario Oficial de Galicia
A decisión adoptouse a primeira hora desta mañá, despois de que se anunciasen as novas restricións recomendadas polo Comité clínico do SERGAS ante o incremento de contaxios dos últimos días en Galicia. As medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia na tarde ou na noite de hoxe. As principais son a limitación dos grupos en toda a comunidade a un máximo de 5 persoas, a redución a un 50% da capacidade nos negocios abertos ao público e, no caso dos bares e restaurantes, a prohibición do consumo en barra e o tope dun 75% de ocupación nas terrazas.

As noticias difundidas hoxe tamén falan dun máximo de 100 asistentes a vodas en exteriores e 50 en interior, enterros e velorios con tope de 25 persoas ao aire libre e 10 en espazos pechados e competicións deportivas onde só poderá haber 150 espectadores se son ao aire libre e 60 se son en recintos cubertos. En calquera caso, para coñecer o alcance destas medidas, que se manterían polo menos 14 días, haberá que agardar a ver o que di o DOG.

O Concello recorda todo o que vén dicindo desde hai meses: hai que extremar as precaucións. Cómpre manter sempre a separación de 1,5 metros, usar a máscara, lavar ou desinfectar as mans con frecuencia e tamén aqueles puntos de contacto habituais (manillas de portas, interruptores, mesas…), ventilar as estancias con regularidade, non fumar na vía pública ou espazos abertos ao público e, moi importante, se se nota algún síntoma da COVID-19 débese quedar na casa e avisar ao SERGAS chamando ao 900 400 116.