Friday 22 de November de 2024

A Orquestra Sinfónica ofreceu case 30 concertos a pesar das restricións xeradas pola pandemia desde marzo


A alcaldesa presidiu esta mañá a Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, en que se aprobou o informe de xerencia da OSG para a tempada 2020-2021

A Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música acordou na sesión desta mañá aprobar o informe de xerencia para a tempada 2020- 2021 da Orquestra Sinfónica de Galicia, cunha programación que se irá adaptando ás circunstancias e á evolución das restricións sanitarias e asistencia de público e en que se estrearán composicións de ata 20 autoras e autores. Co fin de reducir a duración dos concertos e o custo de cada programa, canceláronse a posta en escena das e dos solistas en outubro e novembro e pospuxéronse os seus contratos ata a seguinte tempada. A presidenta do consorcio e alcaldesa, Inés Rey, destacou que a pesar da crise provocada pola Covid-19, “estamos tratando de que a actividade da Sinfónica siga adiante, e proba diso é que ofreceu case 30 concertos a pesar das restricións xeradas pola pandemia desde marzo”.

Canto ás xiras en Galicia, mantense o calendario de citas da OSG en Ferrol e no caso das programadas no Teatro Afundación de Vigo e outras salas como o Círculo das Artes de Lugo, estas serán protagonizadas por grupos de música de cámara da Sinfónica de Galicia.

Por outra parte, no encontro analizaron a situación contractual entre o consorcio e a concesionaria do Pazo da Ópera, namentres que a formación seguirá tocando no Coliseum, un recinto que lle permite trasladar toda a súa programación e que todas e todos os abonados poidan seguir desfrutando do seu directo nunha contorna segura.

 

Desde o organismo recordan que na primeira fin de semana de outubro vendéronse un total de 703 entradas, en comparación coas 1.961 que se despacharon na inauguración da tempada o ano pasado. Neste punto, a OSG mantivo a súa presenza durante o confinamento a través das redes sociais con numerosas actividades en liña, desde gravacións de directos a clases virtuais incluídas no programa Eu Son Futuro.

A súa canle de Youtube rexistrou un total de 5.783.162 visualizacións entre marzo e xuño e en abril contactaron con todas e todos os espectadores con carné co fin de xestionar a devolución dos concertos que non puideron gozar en persoa. Un total de 337 abonadas/os rexeitaron o importe que lles correspondía e convertéronse en mecenas e “amigas/os” da OSG. O importe dos abonos que si se devolveron ascendeu a 171.906 euros. Isto sumado á imposibilidade de vendelos para a tempada actual, fai que a previsión de ingresos pola compra de abonos teña un saldo negativo de 605.712 euros.

Na desescalada, a Sinfónica deu concertos de cámara no Teatro Colón e realizou outros a porta pechada que se difundiron posteriormente a través de Internet. A actividade tampouco se detivo en xullo e a orquestra participou con grande éxito no Festival de Granada e ofreceu un recital en setembro en Barcelona baixo a batuta de Gustavo Dudamen. Neses meses, organizáronse unha serie de directos no Coliseum para atraer novos públicos como o proxecto en que ofreceron unha versión sinfónica do repertorio de Xoel López xunto co músico coruñés. Por último, a xunta aprobou a conta xeral do exercicio 2019.