Aprobado por unanimidade un expediente de modificación de créditos de 950.000 euros para melloras en once estradas do municipio
O Concello de Brión celebrou esta mañá o seu pleno ordinario de outubro, no que tamén se incluíron os distintos puntos propios dunha sesión de organización despois do cambio producido na Alcaldía o pasado mes de setembro. Unha sesión na que o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, deu conta ao pleno da reestruturación das competencias municipais despois da marcha de José Luís García por motivos persoais.
Deste xeito, as competencias municipais quedan repartidas do seguinte xeito:
– Carlos Noya Pereira pasa de segundo a primeiro tenente de alcalde e mantense como concelleiro de Medio Rural e Obras Públicas.
– Sandy Cebral Gómez pasa de terceira a segunda tenente de alcalde e suma a Biblioteca Municipal ás súas competencias como concelleira de Cultura, Deportes, Actividades Extraescolares e Música.
– Rosa Romero Fariña pasa de cuarta a terceira tenente de alcalde e mantén as súas competencias como concelleira de Política Social, Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Maiores.
– José Luís Sampedro Bouzas incorpórase como cuarto tenente de alcalde e suma Limpeza Pública ás súas competencias como concelleiro de Seguridade Cidadá, Protección Civil, Policía Local e Festas.
– Iolanda Bouzas Alfonsín mantense como concelleira de Patrimonio e Turismo.
– María Guarina Rey Vázquez suma as competencias de Política Económica ás súas competencias como concelleira de Novas Tecnoloxías e Emprego.
– Carmen Touceda Freire incorpórase ao Grupo de Goberno, onde asumirá as competencias de Mobilidade, Limpeza Pública e Recollida de Lixo
O pleno aprobou, co voto a favor de PSOE e PP e coa abstención do BNG, unha dedicación exclusiva de 45.000 euros brutos/ano para o alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e unha dedicación parcial de 14.000 euros brutos/ano por 25 horas semanais para a concelleira de Cultura, Sandy Cebral. Desaparece a dedicación especial para persoal de confianza de 18.200 euros. Así mesmo, aprobouse pasar de 100 a 125 euros as contías por asistencias á Xunta de Goberno Local. O resto de asistencias mantéñense nas cifras aprobadas en 2019: 100 euros (cantidade que non cobrarán os membros con dedicación).
Os catro tenentes de alcalde conformarán xunto con Pablo Lago Sanmartín a Xunta de Goberno Local, á que hoxe se volveron transferir as mesmas competencias ca na pasada lexislatura. O alcalde delegou na concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, a celebración de matrimonios civís.
A corporación tomou coñecemento de que o grupos municipal do PSOE cambia de voceiro, que a partir de hoxe é Pablo Lago Sanmartín, mantendo como voceira suplente a Sandy Cebral. Así mesmo, deuse conta dos cambios de concelleiros socialistas nas dúas comisións informativas, así como da súa presidencia, que será asumida por Pablo Lago:
– Comisión Especial de Contas: mantéñense José Luís Sampedro Bouzas e María Guarina Rey Vázquez, incorporándose Carmen Touceda en substitución de Pablo Lago.
– Servizos básicos. Mantéñense José Luís Sampedro Bouzas, María Guarina Rey Vázquez e Carlos Noya Pereira.
No que atinxe ao nomeamento dos representantes nos órganos colexiados, Pablo Lago representará ao Concello de Brión na Xunta de Goberno e na Asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza, na Mancomunidade de Santiago, no Consorcio Galego de Benestar e no GDR Terras de Compostela. Pola súa banda, Sandy Cebral mantén a representación do Concello de Brión nos Consellos Escolares do CEIP de Pedrouzos, o IES Brión e as escolas unitarias da Luaña, Bastavales e Os Ánxeles; e a concelleira Iolanda Bouzas e Victoria Varela, xefa do Departamento de Servizos Sociais, continúan como representantes no Fondo Galego para a Solidariedade.
Crédito e resto da sesión
Unha vez coñecido e aprobada a reorganización do Grupo de Goberno, o pleno aprobou po unanimidade todos os puntos da orde do día como a redución dun 0,5% na taxa pola subministración da auga (debido á baixada do IPC interanual de Agosto 2019/Agosto 2020 de 0,5) e fixou os festivos locais para 2021 no xoves 13 de maio (Ascensión) e luns 27 de setembro (Santa Minia).
Na sesión tamén se aprobou a constitución e os estatutos da Asociación de Concellos da Ruta Rosaliana “As pegadas de Rosalía”, un itinerario turístico e cultural que une aos municipios nos que se desenvolveu a vida da poetisa galega. O alcalde e a concelleira de Cultura serán os representantes do Concello na asociación, canda o técnico municipal de Cultura, Alberto Álvarez. Neste sentido, minutos despois aprobábase por unanimidade unha moción do BNG para incrementar a colaboración coa Fundación Rosalía de Castro de Padrón.
Finalmente, o Pleno aprobou o expediente de modificación de créditos 13/2020 por un importe de 950.686 euros para financiar a execución do proxecto “Camiño de Amañecida ata Graña e outros”. Trátase dun proxecto que inclúe melloras en 11 camiños municipais de Brión e que será incluído nos orzamentos municipais de 2020.
Este proxecto inclúe a reparación de fochas e mellora do firme dos camiños de Amañecida ata Graña (de 3,5 km), do camiño da estrada xeral en Gundín ata Saíme, pasando por Cabanas e Gontade (1,7 km na parroquia dos Ánxeles), camiño travesía de Liñares-Casal ata Tembra-Cantelar (1,5 km na parroquia de Boullón) e dous camiños na parroquia de Bastavales: da estrada AC-300 ao Santo Arandel e o límite con Teo (1,7 km) e da estrada xeral ata o cruce da estrada da Deputación (2,1 km).
Este orzamento tamén servirá para a mellora do pavimento nas urbanizacións Monte Devesa, Agro Novo e Monte Balado, así como na rúa Inxerido, na parroquia dos Ánxeles, que suman unha superficie de máis de 25.000 metros cadrados. Complétase o cadro inversor coa creación dunha plataforma elevada no acceso ao CEIP Pedrouzos e IES Brión e a mellora dos camiños de Valiño a Saíme (1,17 km) e da AC-300 ata os accesos a Guisande.
Mocións
Ademais da mencionada moción sobre a Fundación Rosalía de Castro, o Pleno aprobou por unanimidade unha segunda moción do BNG para acelerar a posta en marcha do Consello Escolar. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral comprometeuse coa posta en marcha do Consello Escolar e a facer todo o posible para que profesores e familias escollan aos seus representantes de acordo como marca a lexislación vixente. Neste sentido, lembrou que as eleccións realizadas non cumpren co esixido no decreto que rexe a creación dos Consellos Escolares.
Finalmente, o Pleno aprobou unha moción conxunta de BNG-PSOE no que instan á Xunta de Galicia a aumentar os orzamentos en materia de atención primaria para que se volva progresivamente ao sistema de atención presencial. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor de PSOE e BNG, e co voto en contra do PP que defendeu que a veciñanza estaba sendo ben atendida e que a atención telefónica formaba parte dun protocolo que aplican os profesionais para determinar se esa persoa precisa ou non dunha atención presencial.