Friday 22 de November de 2024

Ecovidrio e o Concello de Fene colaboran na campaña “Recicla vidro por elas” co gallo do Día Mundial contra o cancro de mama


Os envases recollidos durante as próximas dúas semanas en dous colectores rosas situados en Naturais de Fene converteranse nunha doazón para a fundación Sandra Ibarra
As administracións e colectivos da maior parte do mundo reivindican durante estes días o seu compromiso a prol da investigación e da prevención do cancro de mama, o de maior incidencia entre a poboación feminina e tamén o que rexistra maiores taxas de supervivencia se se detecta a tempo. Para ter a mensaxe ben presente, en Fene estase iluminando de cor rosa a Casa do Concello durante as noites e, ademais, o consistorio tamén participa na campaña “Recicla vidro por elas” promovida en colaboración con Ecovidrio. Desde hoxe están colocados na Avenida Naturais de Fene dous rechamantes colectores rosas que teñen a mesma finalidade ambiental que o resto de iglús, pero tamén unha motivación solidaria. E é que todo o vidro que se bote neles durante as próximas dúas semanas transformarase nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao cancro.

A campaña leva cinco anos desenvolvéndose e neste 2020 chega simultaneamente a 140 vilas e cidades de todo o Estado. Con ela preténdese seguir mobilizando a cidadanía en relación coa reciclaxe do vidro, co aliciente de que neste caso a nosa conciencia ambiental tamén repercutirá, por pouco que sexa, na prevención do cancro de mama.

Tal e como indica Ecovidrio -entidade sen fins de lucro que xestiona o tratamento deste tipo de residuos- os envases recollidos durante as próximas dúas semanas nos 370 iglús rosas que ten repartidos por España “transformaranse nunha doazón” á fundación Sandra Ibarra, centrada na recadación de fondos para bolsas de investigación científica do cancro e no desenvolvemento de campañas de prevención e concienciación social.

No caso de Fene, os colectores encóntranse á altura do número 38 da Avenida Naturais de Fene, preto da esquina coa Rúa do Concello e xusto ao carón dun iglú verde convencional. Son bos de identificar xa de lonxe pola súa cor e tamén polos lemas que exhiben: “Reciclar vidro e previr o cancro de mama. Dous hábitos moi saudables”, xunto co pechacancelas para redes sociais da campaña estatal #reciclavidrioporellas.

Ademais, Ecovidrio tamén ten á venda “miniglús” solidarios para ter na casa deseñados por Ágatha Ruíz de la Prada, que se poden adquirir a través da web miniglu.es.

319 toneladas recollidas en Fene en 2019
Aproveitando o desenvolvemento desta acción concienciadora, Ecovidrio tamén achegou datos sobre a reciclaxe de vidro en Fene que sitúan o noso concello por riba da media tanto en cantidade recollida como en dispoñibilidade de colectores por habitante.

Segundo a entidade, durante o 2019 recolléronse no noso concello 319 toneladas de vidro, o que dá 24,6 quilos por habitante, cinco máis que a media galega.

No referido á taxa de contenerización -a ratio entre iglús/habitantes-, Fene contaba en 2019 con 89 colectores repartidos polo territorio ou, segundo indica Ecovidrio, unha media de un iglú por cada 145 habitantes. En Galicia, onde a ratio é das mellores do Estado, a cifra sitúase nos 173 habitantes por colector.