Friday 22 de November de 2024

O concello abre o prazo de solicitude de subvencións para os taxis adaptados


A Concellería de Benestar Social destina 18.000 euros a favorecer o mantemento destes vehículos

O concello abre o prazo de solicitude de subvencións económicas para as e os propietarios de taxis adaptados para transportar persoas con mobilidade reducida ou discapacidade. A Concellería de Benestar Social, que destina 18.000 euros ao mantemento dos taxis accesibles, busca con estas axudas favorecer a accesibilidade das persoas con diversidade.
Poderán solicitar estas axudas as persoas físicas, as xurídicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica que sexan titulares dunha licenza de vehículo adaptado para transportar persoas con mobilidade reducida ou discapacidade concedida polo Concello da Coruña. Ademais deberán xustificar se recibiron outras subvencións, non estar incurso nalgunha das causas de prohibición para percibir subvencións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvención e atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias.
A solicitude de subvención presentarase na sede electrónica do Concello da Coruña https://sede.coruna.gob.es nun prazo de quince días a partir de hoxe, data na que aparece publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.