A Xunta de Goberno Local dálle luz verde ao programa “Talón restaurante” por un importe de 600.000 euros
A Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente unha modificación do proxecto de urbanización do sector 7 do recinto feiral, en Someso, que permitirá finalizar a construción de espazos públicos nese ámbito e continuar coas licencias de obra en curso. O proxecto, que foi presentado pola Xunta de Compensación deste sector, someterase a exposición pública durante un mes. Ademais, o concello notificará os cambios ás persoas afectadas e solicitará as autorizacións e informes correspondentes.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que “con este primeiro paso no ámbito de Someso desbloqueamos a urbanización do desenvolvemento que dotará de espazos libres e mellorará a calidade do espazo público do barrio despois de anos de parálise”.
Tamén aprobou o programa “Talón restaurante” por un importe de 600.000 euros e un período dun ano (decembro 2020-decembro 2021). A través deste programa, que atende a 700 persoas, o concello busca promover a relación das persoas maiores coa súa contorna social máis próxima e proporcionarlles unha alimentación sa.
Desenvólvese en todo o municipio, xa que en todos os barrios dispoñen de establecementos de hostalería adheridos a esta rede. Desta maneira, as persoas usuarias poderán obter un talonario mensual de entre 10 e 25 talóns restaurante dependendo da situación persoal. Cada un dos talóns restaurante ten un valor de 4,24 euros para aquelas persoas participantes que teñan capacidade económica superior ou igual ao IPREM, e de 5,80 euros para aquelas persoas cuxa capacidade económica sexa inferior ao IPREM.
O programa está destinado a persoas maiores de 65 anos, persoas que reciben pensión por invalidez, viuvez e xubilación, vítimas de violencia de xénero maiores de 60 anos e persoas menores con discapacidade igual ou superior ao 65% que sexan familiares conviventes de persoas beneficiarias do programa.
Ademais, a Xunta de Goberno Local autorizou á adxudicación das obras de reforma do campo de fútbol de Eirís por un millón de euros. Os traballos inclúen a construción de vestiarios, campo de fútbol de herba artificial e peche perimetral. Asumirá os traballos a empresa Arias Hermanos. O prazo de execución das obras é de oito meses, polo que o novo terreo de xogo estará rematado no verán de 2021.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que se trata dunha actuación moi demanda polos clubs e que permitirá aumentar as infraestruturas deportivas na cidade.
Doutra banda, a Xunta de Goberno Local fixou os días 16 de febreiro, martes de Entroido, e os 24 de xuño, festividade de San Xoán, como festas locais para o ano 2021.
O órgano municipal autorizou o aprazamento temporal das obras de restauración do Xardín de San Carlos debido á resolución de suspensión do permiso outorgado en xuño do 2019 por parte da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na Coruña. A suspensión estenderase ata a autorización efectiva das obras pola consellería. O concello presentoulles a semana pasada o proxecto ás persoas responsables de Patrimonio Natural para a súa avaliación. A suspensión está motivada polas alegacións presentadas por tres persoas ante a posibilidade de que durante as obras se lles ocasionen danos aos olmos centenarios.
Ademais na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou contrato para adquirir novos chalecos antibalas da Policía Local por un prazo de tres anos e un importe anual de 208.500 euros.
Tamén se informou das 19 licenzas urbanísticas que se resolveron desde o 2 até o 15 de outubro. Así como dos 84 expedientes de obras en réxime de comunicado, 23 de exercicio de actividades en réxime de comunicación previa e 8 de exercicio de actividades en réxime de declaración responsable.
Doutra banda, o persoal responsable municipal deulle luz verde ao proxecto para construír o aparcadoiro público do parque Adolfo Suárez que conta cun orzamento de licitación de 578.385 euros e ampliou durante un ano a encomenda a Emvsa da xestión para a posta en funcionamento do banco de vivendas en réxime de alugueiro con destino a colectivos con dificultades de acceso a vivendas por un importe de 450.000 euros.
O Goberno tamén ten previsto prorrogar o servizo de mantemento das áreas infantís, biosaudables e espazos lúdicos da cidade adxudicado a Jardinería Arce SL polo período comprendido entre o 31 de outubro de 2020 e o 28 de febreiro por un importe de 130.720 euros.
No ámbito educativo, prorrogarase o contrato de limpeza dos centros de Educación Infantil e Primaria, CEIPS; de Educación Especial, CEE, e centros públicos de Educación e Promoción de adultos EPAPU adxudicado a ITMA SL para o período do 16 de xaneiro de 2021 ao 15 de xaneiro de 2020 por un importe de 1.283.628 euros.