A programación xa estaba preparada para comezar en novembro pero a evolución da situación epidemiolóxica levou ao goberno local a tomar esta decisión.
O Concello de Camariñas tomou a decisión de adiar ata, como mínimo, o 8 de xaneiro o inicio das actividades culturais e deportivas municipais, que estaba previsto que comezasen no mes de novembro. O goberno local opta así pola prudencia atendendo á evolución da situación epidemiolóxica da comarca nas últimas semanas.
A alcaldesa de Camariñas explicou que “estivemos dándolle moitas voltas pero a día de hoxe, e tomando como referencia a situación sanitaria que se está a vivir noutros concellos limítrofes, non nos parece prudente tomar o risco de comezar as actividades e preferimos ser precavidos e agardar para ver como evoluciona a situación”.
Ademais, comentou que “sabemos que a oferta de actividades municipais, ademais de achegar aos rapaces e rapazas á cultura e ao deporte, funciona como un mecanismo de conciliación da vida laboral e familiar e por iso intentaremos poñelas en marcha en canto se poida pero cremos que nestes
momentos velar pola saúde dos nosos veciños e veciñas é primordial”.
Como estaba previsto que as actividades comezasen en novembro a programación xa está cerrada e os interesados e interesadas poden facer desde xa a preinscrición se o desexan. Hai opcións para todas as idades e para este curso ofértanse no eido cultural as escolas de palillo e de música e, no ámbito deportivo, bádminton, atletismo, ‘Ponte en forma’, ‘Relaxgym’, pilates, ximansia de mantemento e ioga.
Por outra banda, o goberno local tamén anunciou que nos próximos meses se irán organizando unha serie de actividades culturais e deportivas puntuais, que se anunciarán debidamente cando se concreten e celebraranse só se a situación sanitaria o permite. “En canto se poida iremos pouco a pouco iniciando as actividades municipais para poder continuar sendo un referente na comarca”, engadiu a rexedora.