A responsable de Turismo da Xunta estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, que presentou unha das grandes novidades, a aplicación de realidade virtual Botafumeiro
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe a participación de Turismo de Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid, un dos principais puntos de encontro do sector turístico e un dos certames sectoriais de maior repercusión mundial. A responsable de Turismo da Xunta de Galicia estivo acompañada polo director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, que presentou unha das grandes novidades desta edición, a aplicación de realidade virtual Botafumeiro.
O recinto feiral Juan Carlos I de Madrid- Ifema acollerá a vindeira semana, entre os días 28 de xaneiro e 1 de febreiro, Fitur, que chega a súa 35 edición.
Segundo datos da organización, nesta edición, a dita feira sectorial crece en número de participantes directos un 12% en un 4% en superficie de exposición, concentrando a oferta de 165 países e agardando a visita de máis de 200.000 visitantes de todo o mundo, dos que espérase que 120.000 sexan profesionais. Nesta ocasión, o expositor de Turismo de Galicia estará situado nas parcelas 9C05 e 9C07 no Pavillón 9 e ocupará unha superficie total de 967 m2.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia o espazo dedicado ao Turismo galego contará cos seguintes módulos expositivos: Galicia; establecementos con Q de Calidade Turística; as catro provincias galegas; o Turismo Urbano; o Camiño de Santiago e o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e experiencias turísticas en Galicia.
Ademais dos diferentes prismas dende os que se poden descubrir as singularidades do destino Galicia, o expositor acollerá arredor de 30 presentacións dos recursos, produtos e destinos turísticos de Galicia dirixidas aos profesionais e aos medios de comunicación.
Aplicación de realidade virtual Botafumeiro
Un dos grandes atractivos da participación de Galicia nesta nova edición de Fitur a ofrecerán as distintas aplicacións de realidade virtual e aumentada que a Axencia Galega de Innovación amosará no expositor. Entre elas destaca a aplicación de realidade virtual Botafumeiro, desenvolvida por CIS Galicia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Durante a primeira xornada da feira, os visitantes poderán visualizar a través dun casco de realidade virtual o famoso Botafumeiro da Catedral de Santiago, tanto en movemento como de xeito estático, a escala real.
O director de Gain sinalou que esta iniciativa responde ao “compromiso da Xunta co desenvolvemento tecnolóxico das empresas do sector turístico” co obxecto de impulsar a súa competitividade e a xeración de emprego. Subliñou, neste senso, o potencial da realidade virtual e aumentada como “ferramentas para valorizar o patrimonio histórico, cultural e natural de Galicia”, ademais de salientar a importancia de impulsar o desenvolvemento de empresas relacionadas con estas tecnoloxías. Gain, a través de CIS Galicia, elaborou tamén para o expositor galego de Fitur unha aplicación móbil que os usuarios poderán descargar e usar nuns lentes de cartón co seu teléfono, para gozar da mesma experiencia virtual nun formato distinto, con enorme potencial para comercialización e promoción de produtos turísticos.
Todas elas son “sen dubida un gran atractivo que aporta innovación e tecnoloxía ao noso expositor e deleitará a todos aqueles que nos visiten”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
Principais novidades
Por primeira vez, o expositor de Galicia contará coa participación activa do Clúster de Turismo de Galicia. Deste xeito, o expositor de Turismo de Galicia servirá de plataforma e punto de encontro para as relacións comerciais dos empresarios e profesionais do sector turístico galego. “Sen dubida, un paso máis no impulso da colaboración público-privada no sector turístico”, afirmou a directora de Turismo de Galicia.
Así mesmo, nesta edición, o expositor de Turismo de Galicia contará cun novo módulo dedicado á Artesanía de Galicia. Nel os visitantes poderán descubrir un dos máis importantes símbolos tradicionais de Galicia a través dunha exposición de pezas emblemáticas da artesanía da nosa comunidade. “Deste xeito, Turismo de Galicia continúa apoiando a artesanía de Galicia para a súa revalorización como elemento tradicional e cultural diferenciador e a súa consolidación como produto turístico de primeiro orde, fomentando a cooperación entre empresas turísticas e actores e produtos artesanais”, destacou a responsable de Turismo da Xunta de Galicia.
Programación no expositor de Galicia
Doutra parte, Turismo de Galicia participará tamén nos Workshops Hosted Buyers, co obxecto de establecer contactos con operadores turísticos internacionais de mercados de especial interese para Galicia.
Ademais o stand de Turismo de Galicia acollerá o fin de semana actividades especiais para o publico xeral. Deste xeito, por exemplo, os participantes poderán participar dun xogo relacionado con diferentes etapas Camiño de Santiago, “Xogo no Camiño”, cuxo premio consiste nunha estancia en Galicia de dous días para dúas persoas.
Así mesmo, o stand de Galicia acollerá a “IV Gymkhana viaxeira”, un showcooking de cociña galega a cargo do prestixioso cociñeiro do Grupo Nove Rafa Centeno, e actuacións dos músicos do Axencia Galega das Indústrias Musicais (AGADIC) con instrumentos tradicionais galegos.