O concello pretende incrementar o número de voos de xeito que profesionais e particulares poidan ir e volver á capital no mesmo día e varias veces por semana
O Consorcio de Turismo porá en marcha xunto coa Cámara de Comercio unha experiencia piloto que implicará o incremento da conectividade aérea desta cidade con Madrid co fin de que as e os coruñeses poidan ir e volver á capital do estado no mesmo día e varias veces por semana. Dito ensaio está asociado á situación actual da pandemia provocada pola Covid-19 e á caída das liñas aéreas e ten como obxectivo acordar con Iberia o aumento da oferta de voos da Coruña con Barajas ata un 50% para favorecer o crecemento de empresas e negocios que precisan reunírense en Madrid e formaren equipos de traballo. Do mesmo xeito, o concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, destacou que con esta novidade o goberno de Inés Rey pretende impulsar A Coruña como destino turístico nun momento en que se necesita reactivar o sector servizos e a economía local, así como facilitarlles a mobilidade ás e aos pasaxeiros, que terán máis opcións de enlaces cos demais aeroportos nacionais e internacionais.
O Consorcio de Turismo e a Cámara de Comercio levan traballando durante meses sobre este convenio de colaboración, que se someterá á Xunta de Goberno local do Consorcio de Turismo co fin de aprobalo e poñelo en marcha canto antes. Ambos os organismos conveniarán este aumento da conectividade da Coruña con Madrid grazas á aposta de Iberia, que realizará un investimento significativo para que esta experiencia piloto permítalles regresar na mesma xornada ás persoas profesionais, sen teren que facer noite, o que lles suporá un aforro de custes ás empresas e negocios con sede na Coruña. O concello quere reforzar esta comunicación dado que o avión supón a forma de se trasladar máis rápida desde esta punta do mapa ao centro do estado.
Por outra parte, isto implicará que a tripulación e mais as aeronaves pernocten na Coruña varios días á semana para saíren a primeira hora da mañá cara Madrid.