A alcaldesa asistiu esta mañá na Fundación Luís Seoane á presentación da terceira edición do Festival Intersección
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou esta mañá que “destinamos máis dun millón de euros a dinamizar o sector cultural e unha importante parte desde sector é o audiovisual”. A rexedora asistiu hoxe na Fundación Luís Seoane á presentación da terceira edición do Festival Intersección, un evento que desde o 28 de outubro ao 1 de novembro converterá a cidade no centro da arte audiovisual europea. No acto tamén estiveron presentes Xurxo Couto, responsable de Cultura da Deputación; Silvia Longueira, directora da Fundación Luís Seoane, e Gonzalo Veloso, director do festival. Rey destacou o esforzo que está a facer o sector da cultura “que non se rende “ ao igual que non se rende o Goberno local que “asumimos o reto e damos un paso á fronte para defender, para protexer e para impulsar a cultura. Porque estou convencida, estamos convencidos, de que a cultura fai que un país medre, que a nosa cidade medre”.
Por iso, lembrou que a través do PRESCO e doutros programas como Respira Cultura, o concello púxose ao lado do sector e destina máis dun millón de euros a dinamizar o mundo cultural cun programa de máis de cen actuacións en todos os barrios; cos bonos para mercar na industria cultural, e coas bolsas para creadoras e creadores.
A alcaldesa felicitou as persoas responsables do festival por lograr sacar adiante un evento que demostra, nestes tempos de incerteza, “que a cultura é necesaria e que a cultura é segura” e sinalou que o Goberno local aposta polo sector audiovisual porque é cultura e ademais do seu indubidable valor artístico, xera emprego e riqueza económica” .
Esta terceira edición conta con tres focos nos que o festival pon o acento: o foco á portuguesa Tatiana Macedo ao colectivo DSK (Juan Lesta e Belén Montero) e á arte audiovisual croata.
A alcaldesa invitou a cidadanía a descubrir un festival apaixonante e gozar de cinco días de proxeccións, performances, encontros profesionais, clases maxistrais e mesas redondas; xa sexa a través da rede ou achegándose á Fundación Luís Seoane.
Para máis información: https://fundacionluisseoane.gal/es/actividades/interseccion-2/