O Concello de San Sadurniño é un dos tres municipios galegos elixidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para levar adiante o diagnóstico e o plan de acción dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. O documento deberá definir a situación actual do municipio no referido ás 17 estratexias da Axenda 2030 da ONU e, a partir de aí, marcar as actuacións que se deberán poñer en marcha para poder cumprilas. O proceso desenvolverase en catro fases, que contemplan a participación tanto de representantes e persoal municipal como de colectivos sociais e axentes económicos do territorio.
Os Estados membros da ONU adoptaron a finais de 2015 os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas nun prazo de quince anos, de aí que tamén se lles coñeza como Axenda 2030. Os ODS incorporan metas relativas á loita contra a fame, o acceso á saúde e a educación, a igualdade de xénero ou o coidado do planeta. Todas elas inclúen indicadores que entroncan coas competencias municipais, de aí que as administracións locais teñan un papel chave na súa consecución.
O Fondo Galego vén realizando desde 2017 diversos foros para promover a implementación da Axenda 2030 no eido local, achegando exemplos de boas prácticas do panorama internacional
que resulten inspiradores para os municipios galegos. Ao tempo, impulsou diversas accións para dar a coñecer os ODS, como exposicións, concursos de murais, materiais promocionais ou os Intercambios Galicia-Portugal.
Agora preténdese avanzar nesa “localización” da Axenda 2030 ofrecendo un apoio especializado e individualizado a tres concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -San Sadurniño, Cabanas e Pontedeume- para que deseñen a súa propia estratexia de implementación. Para isto o Fondo contratou á consultora especializada Wayna, quen xa se puxo mans á obra co diagnóstico inicial tras manter un encontro telemático hai uns días co técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, e coa concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, por ser estes dous departamentos quen coordinarán o proxecto en San Sadurniño.
Foi un primeiro contacto para expoñer as liñas de traballo e empezar a recopilar información que será fundamental para o deseño do plan de acción. Ademais, dentro desta primeira fase de planificación e coordinación tamén se identificarán os colectivos e sectores participantes nas entrevistas que se programarán posteriormente, durante a fase de traballo de campo, e que servirán tamén para recoller achegas susceptibles de ser incoporadas ao borrador do plan municipal.
Tal e como apunta a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, o documento será “unha folla de ruta para que San Sadurniño cumpra os obxectivos de desenvolvemento sostible. Empezaremos cun diagnóstico inicial sobre como estamos, saber o que estamos facendo ben e en que debemos mellorar, e logo sistematizarémolo todo nun documento final que marcará a acción municipal dos próximos anos. E para iso fai falla a participación social. O plan ten que ser algo vivo, algo construído entre todas e todos que despois tamén levemos á práctica todas e todos. Por iso se incidirá moito en que o documento recolla medidas concretas e asumibles que respondan á realidade de San Sadurniño.”
A concelleira pon como precedente deste proceso de traballo a elaboración dos plans de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes de San Sadurniño, “que tamén foron resultado dun proceso de diagnose e participación e que deron como resultado accións transversais aplicadas neste momento a todas as políticas municipais e a asumidas no seu traballo diario pola maioría das asociacións do municipio. No caso dos ODS imos iniciar un traballo similar, pero aplicado ao cumprimento dos 17 aspectos establecidos pola ONU como máis importantes para garantir un futuro sostible en termos ambientais, económicos e sociais.”
A elaboración do plan de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible -que xa establecerá accións para o trienio 2021-2023- levará aparellado material de difusión -e tamén de concienciación cos ODS- e un calendario de xuntanzas de traballo que se dará a coñecer proximamente, unha vez que se remate a parte de recollida estatística e documental da fase de diagnose. A celebración dos encontros dependerá da evolución da situación sanitaria, razón pola que se barallan como alternativa xuntanzas ou entrevistas virtuais con todos os actores implicados.